O legado de Feijoo “resucita” cen anos despois

Cunha réplica exacta da súa gaita, os mesmos instrumentos que empregaba, idéntica formación e o mesmo vestiario, cen anos despois o primeiro coro galego da historia “Aires d´a Terra”, creado por Perfecto Feijoo volve sentirse en Pontevedra. 

Aires d´a Terra
photo_camera Aires d´a Terra

Suso Vaamonde , Xosé Lois Romero, José Manuel Acha, Xan Herrera, José Luís Garaboa, Xoán Porto, Paulo Chouza e César Tarela son as novas voces que “resucitarán” este sábado 13 de decembro ás 20 horas no Museo de Pontevedra o coro “Aires da Terra”, dous días despois de que se cumprira o centenario da súa disolución. 

O concerto “Aires d´a Terra: o legado de Feijoo” ten como obxectivo interpretar parte do repertorio do primeiro coro da historia de Galiza, fundado polo boticario e gaiteiro Perfecto Feijoo. Da man dun grupo de grandes músicos e coñecedores da nosa tradición, o proxecto quere ser respectuoso co coro histórico e, desta maneira, conservarán sonoridades, modos, arranxos e estética da proposta capitaneada por Perfecto Feijoo. Con este fin, botaron man da documentación sobre o coro, entre a que se atopa unha gravación histórica ou partituras autógrafas. 

O lugar escollido para o espectáculo é o Museo de Pontevedra xa que é nel onde se custodia a gaita, zanfona e outros instrumentos de Feijoo. A partir de aí, o proxecto visitará o que consideran os “fillos directos” do coro, o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, onde estarán o 31 de xaneiro,  Cántigas da Terra da Coruña, que visitarán o 7 de febreiro, Coral de Ruada de Ourense, Cantigas e Agarimos de Compostela, o 24 de xaneiro e Cántigas e Frores de Lugo

Os seus promotores definen “Aires d´a Terra: o legado de Feijóo” como un proxecto “emotivo e romántico” que volverá dar vida á fotografía coa que ilustran o cartaz, que se corresponde coa viaxe da agrupación a Madrid en 1901. Síguelles a mesma manda: “O amor pola nosa música máis auténtica e orixinal”. No espectáculo, que dura por volta de 50 minutos, intercalaranse os temas musicais con comentario escritos polo propio Feijoo, no ánimo de documentar o espectáculo. 

Comentarios