O pensamento de Concepción Arenal, "de excepcional vixencia" após 200 anos

O Consello da Cultura Galega pon o ramo a un ciclo sobre o bicentenario de Concepción Arenal cunha análise da repercusión internacional do seu legado.

A pensadora e intelectual Concepción Arenal.
photo_camera A pensadora e intelectual Concepción Arenal.

“Tal como a restauración do Pórtico da Gloria permitiu recuperar as cores orixinais, os rizos louros de Daniel, o manto azul de Xeremías, a magnífica biografía de Anna Caballé Concepción Arenal, la caminante y su sombra, devólvenos unha muller de chameante cabelo rubio e claros ollos azuis, unha moza rebelde, díscola, a contracorrente, exercendo a retranca na súa correspondencia privada”, deixaba escrito a académica Marilar Aleixandre nas páxinas do Nós Diario, nun artigo, no que recuperaba e festexaba a figura da que foi a primeira muller que asistiu a unha Universidade no Estado español, polo día do seu 200 aniversario. 

Botando man desta mesma efeméride, o Consello da Cultura Galega desenvolveu todo un ciclo ao que lle puxeron o ramo na tarde deste sábado cunha mesa redonda que tivo como foco a análise da repercusión internacional de Concepción Arenal así como a total vixencia do seu legado intelectual.

Desde o Consello da Cultura Galega (CCG) apostaron por desenvolver un percorrido retrospectivo que fixo viaxar as persoas asistentes pola biografía e obra desta intelectual, desde o seu nacemento até a actualidade. E é que Concepción Arenal non tardou en contar cun forte capital simbólico que a situou no centro do campo cultural da súa época, aínda que a súa obra -ao igual que lle aconteceu a outras moitas mulleres intelectuais- viuse invisibilizada ao longo do tempo até caer no esquecemento.

A proxección internacional de Concepción Arenal

Un dos feitos singulares que destacan desde o CCG para situar Concepción Arenal no marco internacional é a difusión da súa obra no seu tempo. É o caso de, por exemplo, a publicación de Manuel du visiteur du prisonnier (1893), un volume que viu primeiro a luz en francés. 

Baixo o título “A proxección internacional de Concepción Arenal Ponte” decorreu a última das mesas do ciclo “O mundo do porvir: bicentenario de Concepción Arenal Ponte”, da man da  investigadora e coordinadora do evento Celia Pereira mais do investigador e vicepresidente do Consello da Cultura Galega Xosé Manoel Núñez Seixas

Durante a palestra, Núñez Seixas destacou que, alén da pronta participación de Arenal nas revistas culturais e científicas do seu tempo, a emigración contribuíu a difundir a faceta de educadora e pedagoga, ademais dunha lectura en chave política do seu pensamento progresista que influíu nas sociedades e federacións galegas. “Concepción Arenal Ponte facía ver tamén que a prisión e delincuencia eran unha consecuencia da desigualdade social, un trazo de modernidade e víana como unha reformuladora social”, afirmou Núñez Seixas.

"Arenal facía ver tamén que a prisión e delincuencia eran unha consecuencia da desigualdade social", explicou o historiador Núñez Seixas

Pola súa banda, Celia Pereira destacou a boa acollida do ciclo a pesar do “contexto hostil, que fixo mudar un proxecto no que levabamos máis dun ano traballando”. En todo caso, no decorrer do ciclo tiveron a oportunidade de falar “da cuestión pedagóxica, social, penitenciaria, a xurídica" así como de ampiar "os enfoques e as perspectivas" para achegar "outra luz e outra amplitude” engade

Pola súa banda, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, tamén quixo achegar o seu gran de area e destacar como Concepción Arenal foi “unha figura singular no século XIX, pero moito máis excepcional pola vixencia no seu pensamento na sociedade contemporánea”.

"Concepción Arenal é excepcional pola vixencia no seu pensamento na sociedade contemporánea”, destacou Rosario Álvarez 

Concepción Arenal

Pensadora, avogada, feminista e renovadora. Concepción Arenal nace en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820 e fina en Vigo o 4 de febreiro de 1893. Unha muller fóra do común "que se adiantou ao pensamento feminista español do século XIX", tal e como recollen no CCG, ao que engaden as palabras que ela mesma deixo escritas: “a sociedade non pode en xustiza prohibir o exercicio honrado das súas facultades á metade do xénero humano”.

Arenal realizou un intenso labor intelectual e publicou preto de 40 libros, nos que criticou duramente a sociedade do seu tempo. Amante da filosofía e do pensamento, nunca se cansou de reivindicar o dereito das mulleres a recibiren a mesma educación que os homes. Comezou a asistir á universidade aos 21 anos, sen o apoio da súa familia, vestida de home porque as mulleres tiñan prohibido o acceso aos estudos superiores.

Alén de poesía, teatro, zarzuela, novela, ensaio e textos científicos de carácter xurídico, Concepción Arenal tirou do prelo “Cartas a los delincuentes” (1865), “El reo, el pueblo y el verdugo o la ejecución de la pena de muerte” (1867) ou “La mujer del porvenir”.

Comentarios