Ledicia Costas gañou esta segunda feira o 'Premio Nacional de Literatura Infantil' concedido polo Ministerio de Educación e Cultura do Goberno español. Fíxoo coa obra, Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais) da que se publicaron catro edicións en un ano e está a reimprimirse unha quinta edición, segundo a editorial.
Esta novela, publicada por Xerais ao gañar o Premio Merlín de Literatura Infantil 2014, recibiu xa outros importantes recoñecementos como a súa inclusión na Lista de Honra do IBBY, o Premio Xosé Neira Vilas ao Mellor libro Infantil e Xuvenil da Asociación Galega de Editores os Premios Fervenzas Literarias (votados polos internautas) ao Mellor libro infantil e Mellor portada de LIX (Víctor Rivas).
Outros autores galegos con este galardón son Agustín Fernández Paz (O único que queda é o amor, Xerais, 2008), Fina Casalderrey (O misterio dos fillos de Lúa, 1996), Xabier P. DoCampo(Cando petan na porta pola noite, Xerais 1995) e Paco Martín (Das cousas de Ramón Lamote, 1986).
O xuri definiu a obra como "extraordinaria, humorístca e rachadora no contexto da literatura infantil e xuvenil actual" destacando a súa "fácil leitura", o seu "humor arreguizante" e a habilidade da autora para "desmitificar o mundo da morte".
En Escarlatina, a cociñeira defunda, Costa mesturou "dous temas que me gustaban literariamente como son a cociña e a morte e o resultado foi este" explicaba en conversa coa xornalista Carme Vidal na entrevista publicada por Sermos Galiza a comezos deste ano.