Ledicia Costas acada o Premio Lazarillo na modalidade de Creación Literaria

Volve Ledicia Costas ás portadas grazas a un novo galardón. Desta volta, o Lazarillo 2015 na modalidade de Creación Literaria convocado pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), cunha dotación de 2.500 euros pola obra titulada 'Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante'.

Ledicia Costas
photo_camera Ledicia Costas

O xurado, integrado por Xosé Antonio Perozo, Arantxa Bea, Aurelio Erdozain, Ana María Navarrete e Antonio Manuel Fraga; destacou da obra gañadora que é “unha novela ben escrita, cunha narración fluída, unha estrutura moi ben conseguida e unha linguaxe literaria sinxela pero elaborada, que combina con precisión elementos da realidade e da ficción, dándolle un aire de misterio que contribúe a facer moi emocionante a súa lectura”. 

'Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante' é unha obra ambientada no Vigo do século XIX. Nela recréase unha das visitas de Jules Verne á cidade cuxa ría o inspirou para escribir un dos episodios de 20.000 leguas de viaxe submarina. Porén, en contra do que acredita a documentación da época, esta visita de Verne a Vigo no ano 1884, non é fortuíta. O escritor chega á cidade porque está a seguir o rastro das misteriosas mulleres pranta. A protagonista desta obra é Violeta, unha adolescente intelixente e incorformista que vive cos seus avós nunha botica. Os tres están convencidos de que ninguén máis ca eles coñecen o segredo que gardan desde hai décadas: que tanto a propia Violeta como a súa avoa Melisa pertencen a esa estirpe de mulleres mitade humanas metade prantas. Coa chegada do escritor á cidade, comeza unha aventura onde hai submarinos, iates a vapor, limpachimeneas e extrañas criaturas con alma de pranta. 

Este galardón, o máis antigo na literatura infantil e xuvenil (existe desde 1958), inclúe dúas modalidades: Álbum Ilustrado e Creación Literaria. O de Álbum Ilustrado foi anunciado en outubro e as gañadoras foron as vascas Maite Gurrutxaga e Alaine Agirre pola súa obra 'Martín'. 

Ledicia Costas tamén gañou o mes pasado o 'Premio Nacional de Literatura Infantil' concedido polo Ministerio de Educación e Cultura do Goberno español. Fíxoo coa obra, 'Escarlatina, a cociñeira defunta' (Xerais), que tamén acadou o Premio Merlín de Literatura Infantil 2014, e recibiu xa outros importantes recoñecementos como a súa inclusión na Lista de Honra do IBBY, o Premio Xosé Neira Vilas ao Mellor libro Infantil e Xuvenil da Asociación Galega de Editores os Premios Fervenzas Literarias (votados polos internautas) ao Mellor libro infantil e Mellor portada de LIX  (Víctor Rivas).
 

Comentarios