A lectura como porta á crítica da guerra

Día Escolar pola Paz e a Non Violencia
AHistoriaDeErika_int
photo_camera Ilustración de Roberto Innocenti para 'A historia de Erika'. Imaxe: Kalandraka.

A historia do touro Ferdinando é a historia dun touro que se revolve contra a súa propia especie. Renega da condición brava do animal e prefire ulir as flores. Este álbum, símbolo pacifista, ilustrado por Robert Lawson e obra de Munro Leaf, publicouse por primeira vez en 1936. En galego, 80 anos despois da man da editorial Kalandraka. Queimado na Alemaña nazi e censurado polo franquismo, foi libro de cabeceira de Mahatma Gandhi. É ademais un dos títulos que menciona a crítica de Sermos Galiza Montse Pena Presas (Sada, 1981) ao ser consultada por Nós Diario sobre a lectura nas aulas e o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia que se conmemora cada 30 de xaneiro. A data lembra, precisamente, o aniversario da morte de Gandhi en 1948.

"Non só se pode traballar a idea da paz a través dos libros, senón que é necesario", expón Pena Presas, aínda que axiña matiza: "Na literatura o que debe primar é o valor literario. Pero despois, a función que eu entendo máis importante é a ética, contribuír a debater sobre o mundo que nos rodea". E no mundo que nos rodea hai guerras, o contrario da paz.

Contra a "literatura para"

Miguel Vázquez Freire (Corcubión, 1951) é o autor de Da Carapuchiña ao señor Lamote (Xerais, 2019). "Os libros serven para case absolutamente todo, e todo está nos libros", di a preguntas deste xornal, "e hai moitas maneiras de traballar sobre a paz e a guerra. O que se precisa é ser bo lector". Nunha liña análoga á de Pena Presas, rexeita o que denomina literatura instrumental, a "literatura para". Porén, engade unha puntualización: "Tamén é un erro pensar que, por incluír un contido ético forte, non se trata de boa literatura". Hai casos e casos, vén resumir.

Eis unha das eternas disputas arredor do concepto de literatura infantil e xuvenil. A investigadora e profesora Marta Neira coincide con Pena Presas e Vázquez Freire. Segundo a súa concepción, "é posíbel empregar a literatura para reflexionar sobre a paz e a non violencia, mais non hai que destripar os libros". Considera que "toda literatura transmite valores" e, ao tempo,  que "non hai que usala como escusa para outros fins que non sexan a propia lectura". "A boa literatura non fai falta explicala", considera, "o que cómpre son bos mediadores, que teñan hábito lector e saiban transmitilo ás nenas e aos nenos".

É Pena Presas quen defende, con todo, as maneiras en que a lectura pode adquirir repercusión social. "Debe pasar dunha práctica individual a unha práctica social", explícase, "e procurar significados colectivos a partir do debate". Para a autora de Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galiza (Laiovento, 2018), ler é un acto que se excede a si mesmo e, así, incita á reflexión sobre o que sucede fóra das páxinas. A paz e a guerra, por exemplo.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

Comentarios