Laxeiro volve a París

A mostra itinerante Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1950-1970), chega ao final do seu percorrido en París despois de pasar por Lalín, Madrid e Compostela. Unha serie de gravados publicados en 1964 para acompañar poemas de Rosalía, Curros e Pondal serán a novidade que se poderá ver na capital francesa.
Detalle dun dos gravados editados en París, en 1964, pola editorial Monte Medulio.
photo_camera Detalle dun dos gravados editados en París, en 1964, pola editorial Monte Medulio.

A exposición itinerante Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1950-1970), chega ao final do seu percorrido esta semana en París. A vindeira sexta  feira, 27 de xaneiro, ás 18 horas, a Sala de Exposicións do Instituto Cervantes da capital francesa inaugura a mostra que xa se puido ver en Lalín, Madrid e Santiago de Compostela, que conmemora o Día das Artes Galegas dedicado ao artista e que exhibe pezas realizadas por Laxeiro entre 1950 e 1970, período en que o pintor se instalou en Bos Aires. 

En 1951 Laxeiro viaxou até a capital arxentina para participar nunha exposición de artistas galegos comisariada por Luís Seoane e, atraído pola liberdade artística que se respiraba na capital arxentina -en contraste coa penuria intelectual que reinaba na Galiza da ditadura-, acabou instalándose nela por un período de case dúas décadas.

Durante todo ese tempo, entrou en contacto coas tendencias internacionais presentes no rico panorama artístico da cidade, ao tempo que mantivo fortes vínculos co exilio bonaerense que procuraba a continuidade co galeguismo das décadas inmediatamente anteriores ao golpe de Estado (Seoane, Blanco Amor, Dieste, Lorenzo Varela, Díaz Pardo...). 

A exposición de París presenta algunhas novidades a respecto das que lle precederon. "Aquí exporemos tamén unha serie de cinco gravados de Laxeiro que foron editados en París en 1954", explica Carlos L. Bernárdez, comisario da exposición, en conversa con Nós Diario. Foran publicados nun libro titulado Poemas de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal y Curros Enríquez na editorial Monte Medulio, xunto con outros gravados de Colmeiro e do zamorano Baltasar Lobo, nunha edición limitada de 215 exemplares que, ademais contiña textos de Cabanillas, Otero Pedraio e de Domingo García Sabell. Era un libro, claramente, de resistencia cultural, moi ligado ao nacionalismo da época". 

Outro gravado pertencente a unha carpeta editada en Bos Aires é tamén unha nova peza nunha exposición que, segundo Bernárdez, "pode dar o resultado de difusión que se pretende. A sala do Cervantes en París está moi ben situada na cidade e, nese sentido, facilita moito ese labor de divulgación que se pretende con esta mostra". 

A exposición, a primeira de Laxeiro en París desde a década de 1960, permanecerá aberta até o 12 de marzo.

Comentarios