Mostra do humor gráfico do pintor

Laxeiro debuxa na prensa

Antes do Laxeiro gran pintor de raíz expresionista e tenebrismo popular, houbo outro: o que debuxaba cadriños humorísticos na prensa. Unha mostra na fundación ao seu nome -con sede en Vigo- repasa as súas colaboracións en El pueblo gallego e Faro de Vigo entre 1928 e 1930.
 

laxeiro
photo_camera Humor gráfico na prensa dos anos vinte obra de Laxeiro.

O Laxeiro menos coñecido recibe así o tratamento que, ao ver do comisario da exposición, Manuel Igrexas, merece. O artista de Lalín -Xosé Otero Abelendo de nome- contaba apenas 20 anos cando se iniciou no xornalismo gráfico. “A unha idade tan temperá podemos falar dun estilo propio”, sinala a nota remitida pola fundación e mais o Concello de Vigo, “que amosa unha clara herdanza da estética que outros autores cultivaban, influenciada pola arte xaponesa e oriental en xeral”.

laxeiro 2

O final da ditadura de Primo de Rivera e, ao fondo, a esperanza republicana que se había materializar en abril de 1931, foi unha época de esplendor para o humor gráfico en Galiza. Canda o Laxeiro que debutaba en público, a prensa acollía Castelao -“ponte entre o vello galeguismo e Os novos”-, Torres, Maside ou Colmeiro. Dos Novos, a promoción de pintores que propulsou a arte galega ao futuro, fixo parte o propio Laxeiro. Con el, Maside, Seoane, Fernández Mazas, Arturo Souto ou Díaz Pardo.

“O tratamento formal fala dun artista totalmente comprometido coas novas correntes estéticas que percorrían Europa”, di o comunicado da mostra, titulada Os monos de Laxeiro. Obra humorística na prensa, “ao carón da renovación que logo desenvolvería na súa pintura”. Da síntese sen fondos ao expresionismo politizado de George Grosz, o seu traballo para para os xornais atravesa, en apenas tres anos, numerosos estadios.

Os monos de Laxeiro, aberta desde a pasada sexta feira 22 de xuño ao vindeiro 16 de setembro, recolle 49 reproducións fotográficas a tamaño orixinal dos cadriños. A editorial Laiovento publicará, a maiores, un libro que cataloga as viñetas e inclúe textos do propio Manuel Igrexas, do xornalista experto en humor gráfico Félix Caballero e do director artístico da fundación Javier Pérez Buján.

Comentarios