domingo 12.07.2020

Laureano X. Araujo estréase na poesía co premio Gonzalo López Abente

Con Os días condenados. Fragmentos para un devocionario, o escritor Laureano Xoaquín Araujo Cardalda estréase na poesía e faino gañando a segunda edición do premio Gonzalo López Abente. 

Xurado do premio López Abente
Xurado do premio López Abente

Profesor de Alemán de ensino secundario, Laureano Xoaquín Araujo Cardalda, nacido en Berna en 1964, vén de gañar a segunda edición do premio Gonzalo López Abente co que será o seu primeiro libro de poesía, Os días condenados. Fragmentos para un devocionario. Da súa man chegaron ao galego desde o alemán obras como A morte en Venecia de Thomas Mann ou Opinións dun pallaso de Heinrich Böll.  Alén desta faceta como tradutor, Araujo Cardalda é tamén doutor en Ciencias Políticas e licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago,ámbito no que ten participado en congresos e conferencias, en especial con temas de ensino, sociolingüística e tradución.

O xurado composto polas poetas María Canosa e María Lado, o escritor e vicepresidente da Fundación López Abente, X. H. Rivadulla Corcón e con Viki Rivadulla como secretaria, decidiron por unanimidade premiar a obra de Araujo Cardalda destacando a estrutura e forma do libro, o seu contido fresco e o simbolismo dos seus versos. “Destaca así mesmo o ritmo da composición e que o libro ten un fío condutor consistente, e iso facilita a lectura”, sinalan no fallo do premio. 

Araujo Cardalda recibirá o premio nun acto cultural que terá lugar o vindeiro 19 de xullo no que, entre outras actividades haberá unha conferencia de Xosé Luis Méndez Ferrín, patrón da Fundación, sobre a obra de Gonzalo López Abente. O libro gañador será publicado por Edicións Xerais. 

comentarios