martes 24/11/20
Pensar a Galiza Pos-covid

Laura Tato:"O 'Galeguismo de concordia' é unha fórmula retórica para dicir que non se vai facer nada polo galego"

Celebramos o centenario do Xeración Nós e, xa que logo, é un bo momento para nos interrogar sobre que podemos aproveitar do seu legado para construír o futuro. Laura Tato é doutora en Filoloxía galego-portuguesa, profesora titular na Universidade da Coruña –onde exerce tamén como coordinadora científica da Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor– e especialista na literatura galega de preguerra. Gran coñecedora da cultura e da sociedade da época, axúdanos a redirixir a mirada sobre unha xeración fundamental para a recuperación da nosa identidade.
Laura Tato (Foto: RAG)
Laura Tato (Foto: RAG)

Se cadra é un bo momento para celebrar o legado da Xeración Nós, que nace xusto despois dunha pandemia.

[Risas] Pois si, efectivamente. A Xeración Nós, en realidade, é un proxecto que nace no seo das Irmandades da Fala. Parece ser que na reunión que manteñen para fundala, deciden que a cabeceira terá o título do álbum de Castelao, pero a idea orixinal vén das Irmandades. Moitas veces limitamos o grupo Nós a cinco ou seis nomes, esquecendo que son as Irmandades as que están detrás daquel proxecto e quedan fóra figuras tan importantes como Antón Vilar Ponte.

Un proxecto que tiña uns obxectivos políticos propios que moitas veces se obvian.

Eu creo que o pouco relevo político que ás veces se lle atribúe ao grupo Nós vén dado pola situación política que se vivía na altura. As Irmandades, con Vicente Risco á cabeza, fan unha diagnose do que se precisaba para modernizar e europeizar o sistema cultural galego e, por exemplo, convocan un certame literario no que a narrativa e o teatro tiñan un premio en metálico que duplicaba o poético, algo inédito naquel momento no que a poesía era o xénero dominante na literatura galega. Unha vez que avalían o estado en que están os diferentes xéneros, comezan o labor de crear un público lector e para iso precisan unha colección de novelas curtas –e baratas– que chegue ás capas máis populares da sociedade. Ese tamén é un labor político que moitas veces se subestima. E non esquezamos que, naquel momento, comeza o conflito ortográfico: o público está alfabetizado en castelán e aí comezan os debates sobre se é mellor achegar a ortografía ao portugués ou ao castelán.

Hai todo un labor político de todo aquel grupo xeracional que, se non vemos o conxunto, pasa desapercibido. O que ocorre é que a función de voceiro en cuestións de política segue a exercelo A Nosa Terra, mentres que Nós, a revista, resérvase máis para o campo cultural. É un momento histórico en que, en toda Europa, os movementos vangardistas –dadaísmo, surrealismo, futurismo…– están creando esas preciosas revistas que lles serven de altofalante e que, ao tempo, ofrecen unha nova visión da sociedade. En consecuencia, eles crean unha que lle dea á cultura galega esa dimensión europea e, ao tempo, que lle permita ao público galego ter acceso ao que se facía en Europa: o exemplo paradigmático é a tradución de Joyce que fai Otero Pedrayo. 

Claro, despois da guerra, durante a ditadura, mírase cara a esa xoia que é a revista Nós como produto cultural –que como tal é impecábel– porque do outro non se pode falar, e todo o programa político que había detrás queda escurecido. Se a iso lle sumamos a deriva culturalista do galeguismo das décadas de 1950 e 1960, o proxecto político esquécese. Eu creo que non podemos permitir que o traballo do grupo Nós se desvincule do proxecto integral das Irmandades, porque aínda queda moito por difundir e dar a coñecer. O meu alumnado aínda se sorprende cando lle lembro que, na Asemblea de Lugo de 1918, ademais de todo o programa cultural, se aprobou a igualdade de dereitos para as mulleres. O pensamento daquel grupo estaba moi por diante da sociedade na que vivían.

Nese sentido, existen aínda moitos aspectos do pensamento da xeración Nós que seguen vixentes, moitos debates abertos que aínda non se fecharon.

Penso que, en moitos aspectos, aínda non se chegou a un verdadeiro acordo de país a respecto de moitas desas cuestións. As cuestións ortográficas, por exemplo, quedaron acaladas cando lograron ter unha imprenta e medios suficientes para chegar ao público lector. Esas polémicas aparcáronse para centrarse no que consideraban que era un labor prioritario e logo, por razóns obvias, non puideron retomarse até hai pouco tempo.

Que é o que ten que seguir vixente neste momento? Penso que esa dimensión europeísta da cultura galega e que, ao tempo,non renuncia ás súas raíces.

Pode compararse ese europeísmo co actual?

O europeísmo de Nós, e o das Irmandades, significaba poder falar cunha voz propia nunha Europa dos pobos diferente. Significaba poder saltar por riba de Madrid e de todo o que significaba unha cultura española moi invasiva que estaba ancorada no século XIX. Eles teñen unha visión moi moderna da sociedade, están moi ao tanto do que sucede noutras partes do mundo, e ven con angustia que a cultura galega non ten acceso a eses modelos culturais e de pensamento pola influencia española. Pensa, por exemplo, no teatro: o mellor teatro español da época escríbeo Valle, pero a Valle non o representaba ninguén, representaban a Echegaray e a Benavente. Eles queren que a cultura galega se libere dese lastre e que se incorpore ao que se está facendo en toda Europa. 

Eu creo que agora debemos defender ese concepto de Europa. Mentres o nacionalismo español siga sendo tan sectario, temos que buscar modelos de pensamento que nos permitan modernizar o país, obviamente, cos baremos actuais.

A entrevista na íntegra podes lela no Nós Diario en papel ou na nube. Se aínda non es subscritora ou subscritor podes facelo aquí: http://bit.ly/3hCH3Qu

comentarios