Laura Rodríguez Herrera substituirá Manuel Bragado á fronte da Asociación Galega de Editores

 Laura Rodríguez Herrera (Hércules Edicións) substituirá a Manuel Bragado á fronte da Asociación Galega de Editores (AGE). Bragado asumiu recentemente a presidencia de Culturgal. 

Unha asemblea extraordinaria da Asociación Galega de Editores acordou este 16 de xuño a remuda na súa presidencia e decidiu por unanimidade elixir como presidenta a Laura Rodríguez Herrera, de  Hércules de Edicións, até agora secretaria da asociación. Na executiva estarán tamén Xosé Aldea Meizoso, de Ouvirmos, como Vicepresidente; Gemma Sesar Ignacio, de Editorial El Patito, como Secretaria; e María Jesús. G. Sanjurjo, de Rodeira-Edebé, como Tesoureira. Entran como vocais  Xulio Amigo Estrada, de Editorial Galaxia; Antón Lado Lago, de 2.0 Editora;  Benigno Paz Ramos, de  Kns Ediciones; Manuel Bragado Rodríguez, de Edicións Xerais) e Franciso Sánchez, de La Voz de Galicia. 

Laura Rodríguez é a segunda muller que preside a entidade nos seus 30 anos. Con anterioridade, Fabiola Sotelo estivera xa á fronte da AGE. Bragado, que foi nomeado recentemente presidente de Culturgal, manifestou o seu apoio á nova executiva ao tempo que a nova presidenta fixo valer o seu compromiso coa entidade e prometeu aportar a súa “visión para encetar un tempo novo necesitado de constante renovación”. 

Comentarios