Laura Lamontagne: “Mesturamos a música pop, hip hop e música feita por ordenador coas cantigas de amigo”

Todo semella acontecer espontaneamente no mundo artístico de Laura LaMontagne. Curiosa por natureza e coa experimentación por bandeira, flúe entre a música, a poesía e o audiovisual até desembocar en espazos sonoros que mesturan tradición e vangarda. Desde hai máis dun ano, colabora co DJ e produtor PicoAmperio e xuntos reinventan a lírica medieval galaico-portuguesa a través de ritmos urbanos, efectos electrónicos e unha potente voz chea de matices. Un proxecto retrofuturista que recibe as mellores críticas e non deixa indiferente ninguén

smg2609lauraLamontagne
photo_camera Imaxe da entrevista de Laura Lamontagne no Sermos Galiza. (Foto: Nós Diario)

Sendo moi nova, Laura Iglesias (Lugo, 1993) tomou prestado o nome do seu cantautor favorito para converterse en Laura LaMontagne e comezar a súa propia andaina creativa. Hoxe é unha das artistas emerxentes máis relevantes do país. A mestura de melodías, versos e imaxe, a combinación de diferentes linguas e estilos e a conxunción de pasado e presente constitúen a base da súa proposta musical. Conversamos con ela sobre as súas experiencias e os seus proxectos e descubrimos un espírito inquieto disposto a renovar o panorama musical galego.

Comecemos desde a xénese. É unha artista que se compón de múltiples facetas: cantante, compositora, poeta, actriz ocasional e, segundo definición propia, "amateur do audiovisual". En que momento decide emprender o seu camiño creativo?

A verdade é que xa de nena andaba curioseando con diferentes disciplinas a nivel caseiro, aínda que, sen dúbida, a música foi o que máis me chamou desde sempre. A miña primeira actuación con público foi no salón de actos do meu instituto, en Lugo. Tiña unha profesora de música, Belén, que organizaba tamén o coro, e propúxenlle interpretar unha canción no festival de final de curso. Para min foi como unha revelación, o momento primeiro que me demostrou que podía facelo. Máis tarde, xa cun pouco máis de mundo e sabendo o que quería –aínda que nunca se chega a saber de todo–, comecei a participar nos recitais de poesía que se organizaban en Compostela, como os de Caldeirería 26 e Serpes na Cachola, e a ver a posibilidade de tocar e expresarme musicalmente nos ambientes dos bares, onde sempre había unha guitarra nun recanto e alguén que animaba a arrincarse a cantar. Foi unha época de aventura continua na que cadramos varias persoas que estamos agora a desenvolver proxectos persoais. A partir de aí, simplemente todo aconteceu.

Desde maio de 2019 desenvolve un proxecto musical, xunto co DJ e produtor compostelán PicoAmperio, cuxo eixo principal son as cantigas medievais galaico-portuguesas. En que consiste a súa proposta?

Nós mesturamos a música que máis nos influíu na nosa vida –pop, hip hop e música feita por ordenador, basicamente– coa tradición literaria galaico-portuguesa das cantigas de amigo. Isto xorde a raíz dun traballo do ano anterior que consistía nunha serie de concertos que conxugaban música, poesía e audiovisual. Pouco a pouco, o repertorio foi medrando e, cando chegou Pedro [refírese a Pedro Cuntín, alias PicoAmperio] á miña vida, comezamos a desenvolver máis as cantigas e a darlles unha volta para que todo soase moitísimo mellor.

Interpretan "Ondas do Mar de Vigo" e "Banharemonos nas Ondas", de Martín Códax, e "Bailemos nós ja todas tres", de Airas Nunes. Hai algún motivo detrás da escolla destas cantigas?

A cantiga "Ondas do Mar de Vigo" lévame de novo a falar do instituto, onde estudabamos a lírica medieval e onde eu quedei prendida da sonoridade desta cantiga, que acudía á miña mente de maneira recorrente. Era unha melodía que sempre estaba aí e, dalgún modo, penso que estabamos un pouco predestinadas a atoparnos. En 2018 comecei a traballar en serio para facerlle unha base. Pensaba que, se ben eu non son música e non toco instrumentos medievais, podía darlle forma coas ferramentas que teño: a miña voz, as miñas maquiniñas e un teclado sinxelo con diferentes sons. Esta canción foi, pois, o inicio de todo. Pola súa parte, "Banharemonos nas Ondas" é en realidade unha canción composta por dúas das cantigas de Martín Códax recollidas no Pergamiño Vindel: a número cinco ("Quantas sabedes amar amigo") e a número seis ("En o sagrad’ e Vigo"). A idea de unilas naceu cando estaba a ler o libro Ondas do mar de Vigo: erotismo e conciencia mítica nas cantigas de amigo, de Luz Pozo Garza, no cal se reproducen as sete cantigas de Códax. Durante a lectura comecei reflexionar sobre cal podería ser a miña conclusión a respecto da cantiga número cinco. Entón pasei a páxina, lin a número seis e vin claro que a conclusión era esa, que non precisaba máis. Todo foi xurdindo de maneira natural, froito da miña curiosidade. En relación á cantiga de Airas Nunes, que nós renomeamos como "Avelaneiras Frolidash", cada vez que a canto imaxino unha morea de pensamentos positivos arredor da sexualidade feminina, vista como algo que florece e pode levar a bo fin. Non é común atopar este tipo de ideas nunha cantiga. A letra desta canción convida un grupo de mulleres a bailar debaixo dunha avelaneira que para min simboliza o abrigo do feminismo ou feminismos, o baile baixo o paraugas da loita en común. Ademais, hai un verso que di "se amig' amar, so aquestas avelaneiras frolidas verrá bailar", que eu interpreto como un canto á renovación da figura do amigo, da persoa do xénero masculino, que debe ser quen veña a nós, quen se achegue até aquí sen que teñamos que ir buscalo a rastro para que lea algún libro sobre feminismo [risas].

No seu repertorio figura tamén unha canción popular portuguesa, "Senhora do Almortão". Como chegou a ela?

En realidade, ela chegou a min. Ensinouma unha amiga miña, Olalla Losada. Ela coñecíaa, como case todo o mundo, pola versión de Zeca Afonso. Olalla e máis eu tocabámola en varios grupos que tiñamos e sempre faciamos voces, de maneira que, nun momento dado, púxenme a investigar coa miña Loop RC-30 –unha maquiniña para facer bucles, a miña compañeira– , e saíu unha cousa xeitosa e quedou gravada. Antes interpretábaa precedida dun poema en castelán que eu mesma escribira coa intención de darlle forza a esta canción portuguesa que viña despois. Hai cancións que quedan nunha caixa porque as tocabas cun grupo e logo xa non as podes tocar, pertencen a outra época da vida, pero hai outras que saen das súas propias caixas e din "acompáñame un pouco máis", e por iso continúo a tocalas á miña maneira. E a xente que mas ensinou, neste caso a miña amiga Olalla, tamén está contenta co resultado, así que podo dicir que teño o visto bo en todos os sentidos [risas].

Á marxe da entrevista de Cristina Corral á cantante Laura Lamontagne, da que vés de ler un extracto, no Sermos Galiza desta semana (que sae publicado mañá) Irene Pin cóntache o que son “As danzas brancas” e unha posíbel candidatura destas a patrimonio inmaterial da humanidade.

Se sempre tiveche interese por saber o que hai baixo as augas do país, súmate á “Viaxe á biodiversidade mariña” de Manuel Xestoso.

Na sección Andar e Ver Adela Leiro, Mon Daporte e Xan Colazo, do Colectivo Xea, levarante dar un paseo polo “Litoral de Sada que non sae nas postais”.  Ademais, como vén sendo habitual cada sábado, no semanario tamén poderás atopar un repaso aos libros, música, cinema e teatro do momento man de expertos como Mario Regueira, Manuel Xestoso, Susana Sanches Arins, Belén Tajes, César Morán e Andrés Castro.

Tes a oportunidade de ler todos estes contidos no Sermos Galiza que acompaña mañá a Nós Diario. Atoparálo no teu quiosque de confianza ou para a súa lectura na nube. Se aínda non diches o paso de ser subscritora ou subscritor, soluciónao xa nesta ligazón.

Comentarios