Crítica de cinema das sextas feiras

Lars Von Trier factura un thriller psicóloxico do que non gostará Trump

jack2
photo_camera Un fotograma do filme

A CASA DE JACK

The House That Jack Built

(Dinamarca-Francia-Alemaña-Suecia 2018, 152 min.)

Dirección e guión: Lars von Trier

Fotografía: Manuel Alberto Claro

Elenco: Matt Dillon, Bruno Ganz, Uma Thurman, Siobhan Fallon, Sofie Grabol, Riley Keough, Jeremy Davis, David Bailie, Emil Tholstrup, Osy Ikhile

 

SINOPSE

Jack narra os asasinatos que foi cometendo durante un período de 12 anos e de como marcaron a súa evolución como asasino en serie.

 

CRÍTICA

O ano pasado Lars von Trier conseguiu retornar pola porta grande ao Festival de Cannes coa presentación internacional de A casa de Jack, xusto sete anos despois de ser declarado “persoa non grata” após daquela polémica declaración, na rolda de prensa de Melancolía, na que aseguraba “entender a Hitler” [sic]. E é que, sen deixar de transgredir e ser polémico, con esta nova achega semella borrar calquera beneficio da dúbida sobre as súas verdadeiras ideas pois, segundo dixo nunha entrevista ao xornal The Guardian A casa de Jack celebra a idea de que a vida é malvada e sen alma, o que se demostra tristemente no recente ascenso do Homo Trumpus, o rei das ratas”.

 

O filme céntrase en Jack (Matt Dillon), un enxeñeiro con ínfulas de arquitecto, que narra en primeira persoa os distintos incidentes (concretamente cinco) determinantes na súa deriva como asasino en serie durante un período de 12 anos. Non fai un monólogo, Jack fala con Verge (Bruno Ganz) ao que lle conta todos os seus pensamentos e os detalles dos asasinatos que foi perpetrando: desde as primeiras dificultades, o lugar onde agochaba os cadáveres, a autoafirmación como asasino en serie ou a xustificación dos seus actos. Verge escoita e analiza cada un dos argumentos nunha sorte de conversa filosófica entre paciente e psicólogo.

 

Trier escudriña na mente dun asasino en serie collendo detalles de aquí e de acolá entre as moreas de exemplos de serial killer do cinema e da televisión. En maior ou menor medida, Jack abrangue practicamente todos os tipos imaxinábeis ao tempo que acaba concibindo un asasino orixinal. De feito, o resultado ben pode servir de tratado de psicoloxía avanzada xeral sobre o trastorno mental, un tratado no que o propio Trier aproveita para poñerse a si mesmo no diván sacando a pasear o seu inmenso ego durante algunha das conclusións artísticas que ten Jack e que lle tocan de maneira tanxencial.

 

Tras moitos anos en proxectos de segunda, Matt Dillon (Crash) renace con este filme no que logra unha asombrosa simbiose co personaxe que interpreta. Realmente perturbador. Dálle a réplica o carismático Bruno Ganz (O afundimento) no rol de Verge (Virxilio), unha voceciña na cabeza de Jack con forma corpórea. Entre as vítimas varias xa traballaran con Lars von Trier: unha irrecoñecíbel Uma Thurman (Nynphomaniac vol. 1), e a secundaria de luxo Siobhan Fallon (Bailar na escuridade, Dogville).

 

Inicialmente pensada para ser unha miniserie de 8 episodios, acabou sendo este filme de algo máis de dúas horas e media, unhas dúas horas e media que, por certo, pasan voando... En ningún momento se fai pesada ou longa, probablemente porque deixa as escenas máis surrealistas para o epílogo final onde dá renda solta ás chiscadelas que se viñan deixando caer sobre A divida comedia de Dante e o Fausto de Goethe. Antes diso fai un percorrido pormenorizado dos asasinatos de Jack aderezando a trama cun humor negrísimo onde vamos coñecendo o protagonista a medida que mata. Os seus pensamentos aleatorios sobre a arte, as lembranzas da súa infancia (xerme do seu comportamento) e sobre o seu proxecto estrela: construír unha casa.

 

Se ao principio case acada que teñamos empatía por Jack, pouco a pouco se vai desvelando a verdadeira natureza deste ser narcisista, misóxino e con ideas fascistas. E xusto é aí onde Trier fai a súa gran achega, que ademais explica o sentido do seu comentario sobre o Homo Trumpus (ou “o rei das ratas”) e, por extensión, da idea que ten sobre todas esas persoas que apoian ou teñen pensamentos nesa liña. E faino dunha maneira alegórica, como a el lle gusta... A través de imaxes de arquivo sobre Hitler, o exterminio nazi e derivados, consegue facer un poderoso siloxismo entre fascismo e psicopatía que nos leva a unha conclusión irrefutábel: “non todos os psicópatas son fascistas, pero si todos os fascistas son psicópatas”.

 

Comentarios