Máis

Larpeiradas para o verán: a mellor receita da man de 'Kukinhas'

Kukinhas propón unha sobremesa xeada de iogur, manteiga de cacahuete e chocolate.
Kukinhas preparou esta sobremesa xeada de iogur, manteiga de cacahuete e chocolate. (Foto: Kukinhas)
photo_camera Kukinhas preparou esta sobremesa xeada de iogur, manteiga de cacahuete e chocolate. (Foto: Kukinhas)

Chegou o verán e parece que as altas temperaturas van asentando no país e, xunto a elas, o doce máis asociado ao estío: os xeados. Para as lectoras e lectores máis larpeiros, Nós Diario pregunta a Elisa 'Kukinhas', blogueira de cociña en galego, pola mellor receita de xeados deste verán. 

Non leva azucres engadidos, só froita, e faise moi rápido. Ademais, pódese cambiar facilmente para adaptarse ao padal de todos os públicos.

A receita para facer oito xeados é moi sinxela: tres iogures de estilo "grego" (aínda que tamén vale iogur natural ou kéfir), dúas bananas, manteiga de cacahuete (ou de outros froitos secos), dúas barras de chocolate (mínimo 70% cacao), unha culleradiña de aceite de xirasol, cacahuete picado e pauciños de xeado (opcionais). 

Consta de poucos pasos e pódese facer sen necesidade de mercar un molde de xeados. Elisa 'Kukinhas' explica que hai que pór sobre papel de forno unha cullerada de iogur e tres rodelas de banana encima. Sobre esta mestura botamos a manteiga de froitos secos que elixiramos até que se cubra toda a froita. 

O seguinte é introducir o pauciño e meter os xeados no conxelador até que se volvan duros. A experta en gastronomía recomenda que repousen dun día para outro

Por último, derreteremos o chocolate co aceite. Podemos empregar para este paso un microondas, quentando en roldas e a baixa temperatura para non queimar a mestura. 

Finalmente, retiramos os xeados do conxelador, mollámolos nesta cobertura de chocolate, decoramos con froitos secos e conxelamos de novo. Sinxelo, saudábel e caseiro. Desfrutar do verán pode facerse dunha forma sa e saborosa como cos xeados de Kukinhas

Comentarios