Premio de narrativa

Lara Dopazo Ruibal gaña o Illa Nova por 'O axolote e outros contos de bestas e auga'

O xurado destacou as múltiples lecturas do texto, que considera "un conxunto de relatos orixinais, diversos e de grande altura estética". Tamén subliñou o valioso de introducir ambientacións doutras latitudes alleas á galega e do poder do lendario e simbólico.
A escritora Lara Dopazo.
photo_camera A escritora Lara Dopazo.

A editorial Galaxia deu onte a coñecer a gañadora da cuarta edición do Premio Illa Nova de Narrativa, que recaeu en Lara Dopazo Ruibal. O axolote e outros contos de bestas e auga é o título escollido por un xurado composto por Ana Cabaleiro, Armando Requeixo, Antón Riveiro Coello, Antía Yáñez e Malores Villanueva.

Esta última destacou que a obra "é un conxunto de relatos orixinais, diversos e de grande altura estética". Ademais, "os textos son suxestivos e abarcan diferentes subxéneros: fantástico, terror psicolóxico, neofabulístico…", comentan, e "en todo momento a autora logra dosificar a intriga sen deixar de progresar na narración até chegar ao clímax final".

É por iso que manifesta "un dominio do relato no manexo da tensión e intención para crear atmosferas envolventes que nos levan a finais abertos, inquietantes e de lecturas múltiples". Esta é unha característica que destacan, "pois deixa que a lectora ou o lector constrúa a historia, e por iso se suxiren e deixan intuír camiños coa intención de non demostrar, e si de mostrar vidas das que extraer lecturas".

O xurado subliñou o valioso de introducir ambientacións doutras latitudes alleas á galega, desde a americana até as paisaxes orientais, e do poder do lendario e simbólico nos textos.

A autora

Dopazo formouse como xornalista na Universidade de Santiago e especializouse en Cooperación Internacional e en Filosofía Práctica. O seu primeiro libro, Dende illa peixe, obtivo o premio GzCrea no ano 2008. Despois deste virían outros galardóns.

Con ovella obtivo o premio Francisco Añón en 2015, ano no que tamén recibiu o Nortear polo relato "Clementina". En 2017 fíxose co Fiz Vergara Vilariño por Claus e o alacrán, publicado por Espiral Maior.

Comentarios