En Lapas, segunda parte de Os Xogos da Fame: máis do mesmo

Sexta Feira. Andrés Castro olla esta fin de semana para a secuela de Os Xogos da Fame. Unha fábula sobre o futuro dos EUA, con varios níveis de leitura.

lapas
photo_camera Un cartaz do filme

OS XOGOS DA FAME: EN LAPAS
Título orixinal: The Hunger Games: Catching Fire
Ano: 2013
Duración: 146 min.
País: Estados Unidos
Director: Francis Lawrence
Guión: Simon Beaufoy, Michael Arndt
Fotografía: Jo Willems
Música: James Newton Howard
Reparto: Jennifer Lawrence, Josh Hutcherson, Liam Hemsworth, Woody Harrelson, Donald Sutherland, Philip Seymour Hoffman, Stanley Tucci, Elizabeth Banks, Amanda Plummer, Jeffrey Wright, Lenny Kravitz, Willow Shields, Patrick St. Esprit


SINOPSE
Despois dos 74º Xogos da Fame anuais, Katniss Everdeen (Jennifer Lawrence) regresa a casa. Ten que realizar o Tour da Victoria xunto a Peeta Mellark (Josh Hutcherson) e seguir amosando ás masas o seu romance finxido que satisfai ao Capitolio. O Presidente Snow (Donald Sutherland) organiza os 75º Xogos da Fame co fin de aplacar a rebelión que se está a xerar nos diferentes distritos que conforman Panem.

CRÍTICA
Segunda entrega da saga baseada nas novelas de Suzanne Collins. Despois de vencer os anteriores xogos, Katnis Everdeen e Peeta Mellark voltan a se ver en apuros noutra loita a morte na seguinte edición dos Xogos da Fame. Nesta ocasión as normas cambian e van ter que enfrontarse a vencedores de pasadas edicións e colaborar con tributos doutros distritos para poder seguiren con vida. Véndese como unha segunda parte mellor, máis intelixente, con máis acción e con máis profundidade dramática. Pero a película é máis do mesmo, ou mesmo peor, porque xoga a ter pretensións que non tiña a primeira parte que non deixaba de ser un divertimento sen máis. Puro marketing con críticas mercadas pola propia produtora porque outra vez nos atopamos coa mesma mestura de “Perseguido” (1987, Paul Michael Glaser) e “Battle Royale” (2000, Kinji Fukasaku). Ben é certo que a novela “Catching Fire” está practicamente cravada grazas a adaptación que fixeron da mesma Simon Beaufoy e Michael Ardnt; dous escritores con Óscars polos seus guións en traballos anteriores. Tamén contan coa interesante fotografía de Jo Willems e coa banda sonora de James Newton Howard. Un equipo artístico de renome con traxectoria contrastada. Pero iso non basta.

A mensaxe contraria

O director Francis Lawrence limítase a filmar en piloto automático. Pésima dirección. A protagonista, Jennifer Lawrence, que non ten parentesco co director, demostra que o Óscar que gañou por “O lado bo das cousas” (2012, David O. Russell) foi totalmente inmerecido. Limítase a manter a pose, a correr disparando frechas e a manter conversas transcendentais poñendo cara de eterna circunstancia. Actuación plana coma a do resto do reparto. Só as breves aparicións de Philip Seymour Hoffman e Amanda Plummer se salvan da queima. O demais son algunhas que outras escenas de acción medianamente logradas.

O filme faise longo e aporta ben pouco a respecto da primeira parte

A mensaxe do filme está collida con pinzas. Se ben convida a pensar sobre a manipulación das masas, as mentiras e o postureo a través dunha sociedade distópica do futuro sometida pola forza e controlada polos medios de comunicación para poder manter a unha clase social elitista e feudal ridiculamente pagada de si mesma, a rapazada á que está dirixida, probablemente se quede coa mensaxe contraria. E se non só hai que fixarse nas estreas e premieres nas que as masas de mozos o mozas déixanse as gorxas por un autógrafo dos Hutcherson, Hemsworth, Kravitz ou Lawrence. Xusto os valores que pretende criticar a historia. O filme faise longo e aporta ben pouco a respecto da primeira parte. Nos últimos minutos mellora un pouco e deixa un final aberto que convida a ter gañas de ver a última parte da triloxía que, coma vén sendo habitual neste tipo de filmes, se presentará en dúas partes que se proxectarán nos vindeiros anos ao igual que como se fixo coa saga “Crepúsculo” ou as de “Harry Potter”. Chéirame que non deixarán que a cousa remate coa última parte da saga alá polo 2015 e continuarán coa pertinente proxección conxunta en maratón dos “Xogos da Fame”, DVD con montaxe do director con escenas eliminadas, edición de luxo, caixa de coleccionista, bonecos articulados de acción, serie en debuxos, precuelas, spin-offs e todo o que se lles ocorra para espremer ben a vaca dos ovos de ouro e vivir do conto uns cantos anos máis. Mágoa porque a saga tiña bos vimbios para ser algo medianamente bon, pero a maquinaria de facer cartos de Hollywood tende a estragar as boas ideas.

Comentarios