A Lanterna de Aristóteles alumea o firmamento literario

A editorial Galaxia inaugura unha colección de divulgación científica dirixida a todos os públicos, con contidos que trasladarán os avances e novidades do eido de maneira lúdica.
libros
photo_camera Libros (arquivo)

Arístoteles, para alén de pai da filosofía occidental, foi un importante científico, naquel tempo en que ambas disciplinas camiñaban aínda da man. Entre os seus achados, descubriu unha estrutura singular no aparato dixestivo dos ourizos de mar, cuxa forma evocaba as lanternas da época. Desde aquela, coñécese esa parte como Lanterna de Aristóteles.

Este é o nome que a editorial Galaxia escolleu para a súa nova colección, coa que abre unha liña de divulgación científica pensada para lectoras con mentes inquedas e curiosas.

Ciencia divertida

Os títulos que acollerá este selo pretenden resultar «atractivos para esa mocidade con ansia de saber que está nas aulas dos últimos cursos de Educación Primaria e na E.S.O». Para alén deste obxectivo primario, contan desde a editora que durante o proceso de creación e edición dos libros se decataron de que as persoas adultas tamén aprendían de maneira divertida con eles. Por iso, pensan que os libros son accesíbeis para todos os públicos.

A intención da colección é «comunicar contidos co máximo rigor científico e que recollan os últimos avances do coñecemento». Porén, afastándose do ar serio que arrodea esta sorte de publicacións, procuran facelo con humor: «A retranca non escasea entre nós e deixamos que se filtre entre as liñas, os parágrafos e as páxinas que editamos».

As autoras traballan na organización do texto para que permita diversos niveis de lectura, co gallo de satisfaceren quer a lectora ávida de coñecemento, quer a que procura unha relación máis lúdica co texto.

A colección conta xa con dous títulos nas librarías. A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro, de Juan Casto Rivadulla Fernández, súmase a Puf! Vaia peido… Seres sorprendentes con nomes ben ocorrentes, de Luisa Martínez Lorenzo, quen asume a dirección do selo.

Comentarios