“Lampíricos” de Antón Lopo estréase en Tánxer

“Lampíricos”, de Anton Lopo, volve, dalgunha maneira, ás súas orixes. Se os textos da proposta performática do creador naceran dunha estadía en Essaouira, apegados á experiencia do sufismo marroquí agora é Tánxer quen acolle a súa estrea. Andalucía será o seu próximo destino na singular viaxe do espectáculo que tivo a súa estrea na Estrada. 

En Marrocos naceu o xermolo de “Lampíricos”, a proposta performática de Antón Lopo que agora viaxa a Tánxer para se estrear en versión castelán en actuacións promovidas polo Instituto Cervantes e o Instituto Severo Ochoa. En tres ocasións poderase ver na cidade a performance poética de Lopo, entre elas, nun dos espazos culturais máis relevantes de Tánxer, a galería Mohamed Drissi. O espectáculo poderase ver a seguir en Andalucía, nunha xira que se inicia en Málaga a comezos de maio. 

“Lampíricos” estreouse na galería Dispara da Estrada e nela o artista conxuga a palabra e a luz, o corpo e a poesía para dar conta do desastre da nosa contemporaneidade, da quebra social producida por unha crise que afecta á colectividade e tamén aos individuos. 

Artista "radical"

A nova proposta leva ao límite as liñas de traballo que Antón Lopo visitou nos últimos anos, nun espectáculo extremo que inqueda e consegue non deixar indiferente ao público. A poesía feita texto, a capacidade corporal de se manter en acción durante todo o espectáculo cunha proposta na que a oralidade é continua, a videocreación e a performance, alén da crítica e a poesía conceptual danse a man neste espectáculo que é reflexo artístico do noso tempo. 

O xermolo de “Lampíricos naceu nunha estadía en Essaouira, debedores do sufismo marroquí. Antón Lopo converte corpo e expresión en poesía, nunha  proposta, en certa maneira, herdeira de Prestidixitador, das novas formas de indagar deste “poeta disconforme, dismoderno”, como el se define na súa condición tamén de artista radical que opta, nesta ocasión, por ser autónomo na súa capacidade creativa.  

“Máis que nunca é necesario sacar a luz que temos, que sexamos autónomos coa nosa luz para crear constelacións conxuntas” explica Lopo que, a través da iluminación permite ver e ser visto. Proposta híbrida a de Lopo, conxunción de linguaxes e xéneros, intervención a través da poesía que se expresa non só en palabras. “Estou aquí pola urxencia, eles están armados” comenta. E quen son eles? “Eles son os que teñen os fondos de futuro, os que estiveron especializando a especie na especulación, na violencia, os que disparan, os que saquean”. 

Como unha “viaxe do máis abstracto ao concreto” deste home ao que, como xornalista, lle gusta observar a sociedade, e que constrúe a través da poesía un proxecto no que se entrelazan terror e acción. “Vivimos unha época de terror, de medo tamén que compre superar, e iso require á súa vez acción” explica o poeta desde a súa “dismodernidade” na que afonda, máis unha vez, no concepto de identidade, da atomización e o individualismo dos nosos tempos que compre unir para fundar un proxecto común. 

David Granha na música, Manolo Martínez no deseño gráfico, Tono Arias na fotografía, Pixi e Xoán Villar no labor videográfico, María Salvado na iluminación, Eloy Lesmills na coreografía, o músico Davide Salvado, Carlos Neira, Miguel Ángel Arce, Pumpún Dixital, Xosé Luís Álvarez, Carme Breixo e Soedade Noia.

Comentarios