Concerto de reivindicación do 8-M este serán

Lamontagne, Pauliña e Proxecto Consoante, en Lugo

Concerto a prol do movimento feminista e o 8M no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, con Laura Lamontagne, Pico Amperio, Pauliña e Branca Villares.

O Auditorio Gustavo Freire de Lugo acolle esta sexta feira, ás 19.15 horas, o concerto de LaMontagne&Pico Amperio, Pauliña e Branca Villares, organizado pola Vicepresidencia da Deputación con motivo do 8-M.

A deputada Maite Ferreiro explicou, na presentación do evento, que “apostamos unha vez máis pola actividade cultural para dar visibilidade as reivindicacións feministas do 8-M”. Ferreiro engadiu que “a cultura é aliada na loita pola igualdade, especialmente no caso destas tres artistas que coinciden, cada unha desde o seu estilo, en formular a través da música o discurso feminista”.

Deste modo, feminismo e cultura soarán no Gustavo Freire da man de Laura Lamontgne e o DJ Pico Amperio e a súa mestura entre as cantigas de amigo galego-portuguesas desde os ritmos electrónicos. Un espectáculo proposto con base no hip hop, “poesía propia e adaptacións con impulso beatnik de Rosalía de Castro, Lorca, Pessoa ou Luz Fandiño”, explican.

A artista Pauliña, pola súa parte, trae o seu traballo A malfalada, de 2020, onde mestura o country e a música folk, rock e blues. A voz de Paula Chaves compartiu escenario con músicos como Vituco Neira, de Ruxe-Ruxe, coas bandas Zënzar e Nao.

Fecha o cartel Branca Villares con Proxecto Consoante, onde conta con outras tres cantareiras e unha percusionista, ademais do músico Pablo Pintor na zanfona e no clarinete. O canto tradicional emprégase aquí para “mover á reflexión sobre a violencia contra as mulleres o empoderamento feminino”.

As entradas son de balde mais cómpre reservalas e rexistrar os datos de contacto das persoas asistentes, en función dos protocolos de control da Covid-19.

A xira divulgativa de Proxecto Consoante

Branca Villares promove este plan de divulgación a través de diversas accións musicais ao redor de charlas, concertos, obradoiros, debates, performace, accións de rúa... 

E con esta idea estará o sábado 6 no Club Clavicémbalo de Lugo, presentando "Badaladas por Mulleres", sobre as violencias no cancioneiro, xunto a Begoña del Castillo e Bibiana Marful.

O concerto será ás 13 horas, mais ás 16, Blanca Villares participa en liña nas Xornadas das mulleres, da GIG Ensino mais da AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega).

Comentarios