venres 03.04.2020
QUICO CADAVAL, DIRECTOR DE 'A CABEZA DO DRAGÓN'

"É lamentable que teñamos que agardar a que se extingan os dereitos para que se poida facer en galego"

Quico Cadaval será o primeiro en rachar o malfado da obra de Valle-Inclán co galego ao dirixir 'A cabeza do dragón', a primeira montaxe do arousán na nosa lingua que se estreará o 3 de marzo en Compostela. O 1 de xaneiro expira, coa liberación dos seus dereitos, a prohibición da familia de representarse en galego, euskera e catalán. 

Quico Cadaval [Foto: Cultura.gal]
Quico Cadaval [Foto: Cultura.gal]

- Es o primeiro que vas dirixir unha montaxe de Valle-Inclán en galego, unha vez liberados os dereitos.
- Houbo representacións alegais, ou ilegais, pero é a primeira vez que se fai unha representación legal, dunha compañía teatral, nun circuito de teatros, si. 

- Cóntame destas ilegais.
- Houbera unhas lecturas cando foi o ano Valle-Inclán en 98, da man de escritores galegos. E logo eu sei que houbo algunha escolar na que se representou 'Divinas palabras', co título cambiado, puxéronlle o subtitulo de título, 'Traxicomedia da aldea'. 

- Isto supoño que xa o tiñades preparadísimo agardando o que Cándido Pazó chama a “desamortización valleinclanesca”. 
- Estábamos agardando a que se liberara, e os anos cumpríronse neste 2016, pero acontece que non é efectivo até o primeiro de xaneiro do ano seguinte a que venzan os dereitos. Non era para ser os primeiros, senón para celebralo. 

- E adiantádesvos ao CDG por uns días, que estreará o 31 de marzo de 2017. 
- Eu creo que non nos adiantamos, simplemente que nos siguen. Para adiantalos tiñan que ir eles de camiño, entón nós adiantalos, pero como non foi así...

Houbo unha falta de ambición para celebrar o 150 aniversario, aínda que o 151 vai ser un ano moi bo para Valle. Houbo unhas programacións así de baixo nivel. De feito, o Museo de Valle-Inclán da Pobra programou unha conferencia miña. Non se pode caer máis baixo. [risos]

- Ademais apuntades a ser a gran produción do ano, con oito actores, unha xira potente, tamén por Portugal, música orixinal... Cóntanos un pouco como vai ser. Porque ademais en teoría é teatro infantil.
- Non, non é. Foi moi difícil poñer o xénero e ao final o que eliximos como subtítulo noso é “Farsa fantasiosa”. Eu pódoche dicir dez textos que demostran que non é teatro infantil, como por exemplo: “En España onde ninguén come no único sitio que se rin é no Congreso dos Deputados”. Iso non é teatro infantil. “O primeiro ministro di que todas as mulleres, sexan raíñas ou regateiras, son todas anarquistas”. Tampouco é teatro infantil. “Cando as arcas do reino están baleiras, os pallasos e os poetas embarcámonos a dar conferencias nas Américas”. Ou “desde que os reis son constitucionais perderon aquel instinto orador que compartían con tigres, lobos e leóns, porque xa non teñen bastante ácido clorhídrico para diluír a carne”. E está dentro dun asunto lexendario, o que fai Valle é coller a lenda do dragón. E a verdade é que toca de varias maneiras as relacións entre os homes e as mulleres, entre a violencia e a dominación física evidente, a verbal, e co príncipe e a princesa, aparece o suposto amor romántico onde sospeitamos que hai algo do outro. Agora si, o autor titula “Farsa infantil de la cabeza del dragón”, pero nós non a imos caracterizar como infantil, porque iso automaticamente fai que se retire moito público, que cremos que lle pode interesentar moito, adultos sen fillos, basicamente. 

- É un texto moi pouco representado, non?
- Si, pero non chega a maldito. Estreouse no ano 11 ou 12, non tivo moita resoancia, as únicas reseñas que temos da prensa é que trata moi ben o texto e moi mal a representación. É unha obra que está a medio camiño entre a época modernista e a esperpéntica. Entón parece así como un pastiche. 

Como dicía Carvalho Calero, Valle-Inclán pertence á literatura en castelán, e como di Castelao, é o maior escritor en lingua galega

- E Valle ten sona de ser difícil de representar. 
- Si, é unha lenda, si [risos], un tópico. A verdade é que como el escribe de maneira tan narrativa, conta as escenas detalladamente, pois non estamos afeitos a iso. Estamos afeitos a que o autor poña só accións  esenciais sen diálogo e logo xa na montaxe decides como vai o resto. E hai xente que di que é imposible de representar porque se di “hai un barco naufragando ao lado do mar, as súas ondas levan os mariñeiros que afogan”, iso non se pode representar, pero é a primeira escena d'A Tempestade' de Shakespeare. Despois hai que ver o talento e a imaxinación da compañía para representar as cousas imposibles. É moi posible e moi recomendable, por certo, montar Valle-Inclán.

- E con esta liberación de dereitos cres que vai haber unha enxurrada de representacións en Galiza?
- A verdade é que isto necesitaba un compromiso do teatro público, porque as obras emblemáticas, que son 'As comedias bárbaras' ou 'Divinas palabras', necesitan un compromiso, se non é do CDG, calquera outro compromiso público. Non sei se vai haber un aluvión, pero penso que se fará nas escolas e que se aproveitarán as versións que imos poñer  nós agora a disposición, as dúas obras que monta o CDG e máis a nosa. E algo máis farán algúns afeccionados prestixiosos, como 'Airiños', que creo que teñen algún plan por aí, de feito están traballando con Contos, con obra non dramática. 

O 150 aniversario celebrouse mal en Madrid, precisamente, onde hai tanto diñeiro para o teatro, onde el escribiu e viviu. Ben, a maioría da súa obra escribiuna aquí, as boas, polo menos, na Pobra.

- O CDG vai representar dúas obras dunha triloxía. Por parte da Asociación de Actores e Actrices houbo críticas ao feito de que non se represente a triloxía completa. 
- A min non me interesa. Eu non vou entrar nas direccións dos espectáculos nin na do Centro Dramático. Faime moita graza, nada mais: “tiña que facerse tal!” [risos]

- Este ano celebrouse o 150 aniversario de Valle. Cres que quedou un pouco coxo polo feito de non terse representado en galego?
- Non sei, evidentemente é lamentable que teñamos que agardar a que se extingan os dereitos para que se poida facer en galego e entrar na normalidade, porque isto é entrar na normalidade. Eu creo que tamén houbo unha falta de ambición para celebrar o ano, aínda que o 151 vai ser un ano moi bo para Valle. Houbo unhas programacións así de baixo nivel. De feito, o Museo de Valle-Inclán da Pobra programou unha conferencia miña. Non se pode caer máis baixo. 

- Foi unha pobre programación porque era pobre ou porque non había montaxes?
- Non había montaxes, pero puideron contratar compañías que a fixeran en español, se é que había algunha, que non o sei. Quero dicir, como dicía Carvalho Calero, Valle-Inclán pertence á literatura en castelán, e como di Castelao, é o maior escritor en lingua galega [risos]. Nesta discordancia o 150 aniversario celebrouse mal en Madrid, precisamente, onde hai tanto diñeiro para o teatro, onde el escribiu e viviu. Ben, a maioría da súa obra escribiuna aquí, as boas, polo menos, na Pobra. Hai algo aí no ambiente... [risos de novo]

Dis que se celebrou mal en Madrid?
- Si, porque onde se poden facer representacións non as fixeron, é ao que me refiro. Se houbese un espectáculo seguramente o contratarían os teatros galegos, pero supoño que non había. Eu non son moi de aniversarios, de todos modos. 

Evidentemente calquera quere facer as 'Comedias Bárbaras', pero para iso falta un Don Juan Manuel de Montenegro. E se non tes ese actor é mellor que non a fagas, podes facer o ridículo.

- Ben, é unha oportunidade para rescatar autores e, polo que parece, Valle non está moi representado. 
- Valle-Inclán tivo montaxes moi canónicas, houbo unha montaxe de 'Divinas palabras', outra de 'Martes de carnaval', que pode ser o que provoca a saudade desta xente que protesta porque non se fan as tres xuntas. Normalmente facer un espectáculo de oito ou nove horas é desafiar ao público demasiado. Eu creo que vin –entre montaxes portuguesas e andaluzas- case toda a obra representada. Non vin a 'Cabeza de dragón', e iso que a fixo a Aula de Teatro da USC, no centenario do 98. 

- E respecto do que dicía Carvalho e Castelao verbo de Valle, ti onde te sitúas?
- Obxectivamente o que di Carvalho é así: é unha obra en castelán, pero a nosa cultura, o noso territorio, a nosa historia, está cunha presenza extraordinaria. Entón, desde ese punto de vista pode pasar a formar parte do noso sistema. Agora, tal e como escribiu, é sistema da literatura en español. Agora, o que di Castelao é indiscutible, e tamén o dicía o propio Valle: “eu dotei de sentido estético esta terra”. De todos modos é unha discusión que non me interesa moito. E, volvendo á obra, escolla da 'Cabeza de dragón' foi moi minuciosa. Evidentemente calquera quere facer as 'Comedias Bárbaras', pero para iso falta un Don Juan Manuel de Montenegro. E se non tes ese actor é mellor que non a fagas, podes facer o ridículo. Ou tes un Macbeth ou non fas un Macbeth. Entón esta ten a vantaxe de ser moi teatral, no sentido de que permite moito xogo en escena, logo ten un carácter exotista, que permite ambientalo en moitos lugares, permiten coreografías, loitas co dragón, e ao final optamos por esta. 
 

comentarios