Lalín acolle o próximo sábado, día 20, a Festa da Malla Tradicional

A XVII Festa da Malla Tradicional, que cada ano se desenvolve en Doade, terá lugar o próximo 20 de agosto cun amplo programa que a Concellaría de Turismo presentou na mañá do sábado.

20160813 MALLA TRADICIONAL  (1)
photo_camera Presentación da Malla de Doade

Doade volverá ser epicentro da malla tradicional o próximo sábado coa XVII Festa da Malla Tradicional, un evento para o que o Concello de Lalín xa reclamou a Festa de Interese Turístico de Galiza. O concelleiro de Turismo, o nacionalista Paco Vilariño, puxo de manifesto en rolda de imprensa que a de Doade “é a malla máis completa da Galiza, e é unha malla que non pode desligarse o que é o Museo Etnográfico Casa do Patrón”.

“Aproveitamos tamén para promover a colectividade nuns tempos onde xa apenas a xente do rural se xunta nas parroquias pola forma de vida que nos vemos na obriga de levar"

Amais de salientar a capacidade que ten esta festa de proxectar Lalín ao exterior, Vilariño defendeu o papel da malla como un axente socializador. “Aproveitamos tamén para promover a colectividade nuns tempos onde xa apenas a xente do rural se xunta nas parroquias pola forma de vida que nos vemos na obriga de levar. Agora o comportamento é máis individualizado”, apuntou. E é que a malla, un dos traballos máis duros do verán, era un traballo de toda a comunidade.

A Festa da Malla Tradicional abrirase o próximo sábado ás 11h cunha mostra de artesanía popular na que participará unha ducia de artesáns. Tamén terá lugar a mostra de motores de mallar, aventadoras e maquinaria antiga. Na rolda de prensa anunciouse a presenza de motores dos anos vinte e trinta do século pasado e de un motor de 1870.

Programación

Ás 12h será a quenda do acto central da xornada festiva: a malla á pedra, con males e con máquinas. Entregarase, a posteriori, o premio ao mellor vestido tradicional da época. E é que asistir á festa vestidos e vestidas con traxe tradicional é o único requirimento para participar desta xornada gratuíta. “É este un día cultural e festivo onde os menores de 40 anos poderán ver o que nunca viviran”, salientaron os organizadores.

Após o xantar popular, a prezo asequíbel, desenvolverase a segunda ruada da malla, que contará coas actuacións dos acordeóns de Vila de Cruces, das cantareiras Maruxeira de Vilatuxe, a Agrupación Carballo da Manteiga, Pandereteiras de Zobra, Pandereteiras A Xariza, Banda de Gaitas Os Dezas de Moneixas, Pandereteiras Ponte da Prata de Botos e o grupo de gaitas Os Trasnos de Doade. O solista Juan París tamén porá a nota musical.

Na malla de Doade celébrase o que representaba a culminación do proceso produtivo do pan, o día da colleita e a fin do esforzo

Na malla de Doade celébrase o que representaba a culminación do proceso produtivo do pan, o día da colleita e a fin do esforzo. “Un acto festivo que non deixaba de ser social, pois a veciñanza traballaba cóbado a cóbado da mañá á noite”, apuntou a organización.

Sermos Galiza publicará no semanario que se pon á venda as quintas feiras nos quiosques unha ampla reportaxe sobre a malla de Doade e o seu significado.

Comentarios