A obra inaugura a nova colección Candemaia

Laiovento trae ao galego a historia das 'Mociñas'

Rocío Viéitez encárgase da tradución da obra de Louisa M. Alcott, Mociñas, para o galego. Unha obra que abre a nova colección de Laiovento.
mociñas
photo_camera Fotograma da última versión cinematográfica de 'Mociñas'. (Foto: Nós Diario)

O clásico norteamericano de Louisa May Alcott Mociñas, tantas veces adaptado para o cinema, vértese agora ao galego da man da tradutora Rocío Viéitez. A obra, que se vén de presentar na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela, inaugura a nova colección da editorial Laiovento, Candemaia, que “xorde da necesidade de que as candeas e as estrelas que lle dan nome acheguen luz a unhas vidas que un día nos amosaron a súa faciana máis negra”.

Con esta nova colección, Laiovento dará paso a libros traducidos e escritos por mulleres que contan a historia de nenas, mozas e adultas e faino coa intención, explican, de que “fiemos un tecido máis humano, máis respectuoso”. Ademais, cada libro levará a achega dun home “porque esta colección está feita a latexos igualitarios”. E deste modo, a Mociñas acompáñao o poema Arrolaime, de Héitor Picallo. 

Mociñas é un libro do século XIX onde a autora “nos ensina a unidade da familia, o valor do esforzo, a sobrevivir á morte e á soidade, a loita constante ante as adversidades diarias que todos temos, a agardar e desesperar, a aceptar e a perder”. 

No Limiar, Kathleen March, profesora emérita da Universidade de Maine (EUA), explica da súa mocidade que “moito me temo que nin o 10% dos rapaces terán lido a obra e un cero por cento dos homes, porque non era requirida no currículo escolar”.

E lembra que en moitas ocasións, Alcott asinaba os seus escritos con pseudónimo, pois as súas historias non se consideraban "axeitadas" para raparigas.

Cun espírito "revolucionario, activista e formativo para a época na que foi escrita", Mociñas fala das dificultades das mulleres polo feito de medrar nunha cultura que premia o seu aspecto por enriba da súa esencia, defende os dereitos da muller, a abolición da escravitude, e reforma para a escolarización das nenas.

“Louisa M. Alcott viviu e escribiu no século XIX e era contemporánea de Rosalía”, dise no limiar, polo tanto, amosa o aire moralista e romántico da novelista galega". "As lectoras só sabiamos que as protagonistas eran capaces de saíren adiante na vida, de traballaren, de amaren e de razoaren con intelixencia". "Jo era, e é, como a protagonista de A filla do mar, a esperanza, para todas nós", conclúe March.

Comentarios