Un verán en Galeusca

"O lado esquerdo do devezo", por Eli Ríos e Elías Portela

Publicamos o relato "O lado esquerdo do devezo", asinado por Eli Ríos e Elías Portela, no marco da sección "Un verán en Galeusca", partillada por Sermos Galiza, Berria e Vilaweb.
Eli_Rios_Elias_Portela
photo_camera Eli_Rios_Elias_Portela

Deixeina nunha terra de choiva e neve. A man sinistra. A xorda.

Frieda comeza o allegro coa batuta esquerda e lembro as ausencias que non escribiron aqueles dedos de meu.

Herminia non se puido negar a este concerto. Polo menos non chora. Custoume convencela mais, hoxe, senta nesta primeira fila de butacas con algo na boca que semella un sorriso lene. Xuntas. Lonxe da tristura. Con todo, agora son eu quen non consegue agochar as emocións mentres a batuta sinistra transforma a Frieda nunha demiurga sonora. A mensaxe é só para min: canta a vida que nunca agromou.

A man atada na escola, cousas do diaño, dicían. Na casa, a vontade adestrada para depelicar as patacas como as nenas de verdade. Souben ser obediente, camaleónica, desfacerme do meu lado indesexable. A rabia e a frustración duraron os primeiros anos. O resto foi só unha sombra.

A dor da carne tronzada lévame até unha estraña república na que tanto tiña a empuñadura coa que se rexese o mundo. Lembranzas da época na que emigraban as mozas. Mais eu xa sabía que o lado do corazón tiña que depender da dereita até esvaecer. E así foi que perdín a man por unha muller. A man e parte do brazo, por axudala na fábrica. O lado esquerdo do devezo.

As rendas invisibles dun adagio morno tráenme de volta ao concerto. Herminia sorrí como se aínda estivese vendo a chegada de Frieda á vila: cabalgando un coche antigo e cun traxe de garabata. Daquela só sabiamos que era compositora mais non que había de capitanear unha orquestra na cidade. Daquela eran os tempos nos que Herminia me aprendía o nome das sementes no meu regreso á terra. Daquela o paraíso estaba nas traseiras da miña casa. Os días medíanse nas pólas das froiteiras e nas follas das flores.

Mais a pena de Herminia abrolla, de novo, a canda o sorrinte vivace e leo nos seus ollos o frío da pedra. A morte do noso xardín das delicias. Venus rotas e petrificadas. A man doe. Regresa. Trinta anos despois. Cobreguea entre os orgasmos nos corpos de mulleres esquerdas. Serpea a súa sombra pola herba.

Foi, entón, cando comezaron os abortos nesta afastada vila que celebra cada nacemento coma se fose a festa da nosa señora. O camposanto nutriuse de embrións sen xénero.

Nunca a vin, pero estou certa de que todo é obra dela. Nas noites de orballo podo presaxiar a súa sombra afastándose da miña cama. Os dedos diante, arrastrando unha cuarta de brazo, como as patas dunha araña. Venta os ventres preñes. Silandeira, agancha as sabas e as falanxes adormecen as crianzas non nacidas entre nubes de sangue. Os berros parten o amencer.

A última vítima: Herminia. Esta era a segunda crianza non nata...

Abro os ollos cunha inesperada chamada dos metais. Cambio de ritmo, o son do vento. Frieda rescátame do delirio ao pechar a peza cun minué. As cordas responden. Chamada & resposta. Os instrumentos danzan. Melodías que se adentran no contrapunto, que van e veñen dun lado ao outro. Mais todo fica no seu sitio. Herminia está hipnotizada, nin sequera pestanexa e se cadra, as bagullas son de felicidade. A batuta do corazón volve (res)gardar todo no seu sitio, até arribar ao máis íntimo silencio.

Unha enxurrada de aplausos, sobrepasa as nosas cabezas embebendo a Frieda e ás músicas na gloria. Nós tamén palmeamos. Poñémonos en pé, cun certo orgullo ao sabermos que parte daquel concerto nacera connosco, nos momentos máis fermosos do seu verán na vila.

O éxito secuestra a nosa amiga e tardamos un terrible anaco en poder achegármonos para entregarlle un ramo de crisantemos do meu xardín. Frieda amósase aínda máis ilusionada ca nós. Abrázanos, ás dúas, cunha emoción inusitada para súa teutonidade. Dáme un bico fugaz nos beizos, antes de regresar onda as músicas e marchar a unha protocolaria cea coas autoridades. No aire só resta o recendo da súa corporeidade desaparecida entre a multitude.

Mentres tento cubrir a saudade co cárdigan verde de entretempo e un chisco de optimismo, Herminia abre o seu bolso peruano e saca as chaves do coche. Entrégamas cun sonoro tinguilear que me estremece o corpo todo. Atópase contenta, pero moi cansa, ou podería ser simplemente un efecto antidepresivo dos que arroupan a sombra até velala. Engánchame do brazo enteiro e saímos cara o estacionamento. Somos as últimas e os nosos pasos solitarios ecoan no baleiro do asfalto. Corremos xuntas o pequeno treito porque vai frío e o alento da tardiña embozou os tilos e as farolas cunha parrumada mesta. A calma antes do trebón.

De camiño á casa, aínda sinto a inesperada calor do beixo de Frieda na miña saliva. Herminia, entre rendida e narcótica, adormece nun suspiro. Sorpréndome escoitando o silencio do intenso bategar da choiva no parabrisas. A radio apagada non interrompe os meus recordos nin con voces nin con outras músicas. Todo tranquilo. O soño barbitúrico de Herminia. As miñas lembranzas sedantes. A arroiada no vidro. Deixarnos levar por ela a través da noite. A chuvia. A escuridade. A curva fechada. Os lampos alumeando a negrura. O destino nos dedos mortos. A premonición do tempo detido. Os esqueletos das falanxes repican unha mazurca contra o coiro. Absorta na danza musical esquezo a estrada. Un alustro proxecta o fío de sangue que escorre entre as coxas adormecidas de Herminia. A nosa criatura non nascitura escoitou a súa chamada. Nós, tamén.

Aquí, agora, trinta anos despois, a man esquerda guía o volante.

Eli Ríos (Londres, 1976) Narradora e poeta, realiza obradoiros literarios e participa na plataforma de crítica literaria A Sega. As súas últimas obras, Luns e Remexido de patacas, poñen a mirada na violencia de xénero. DX e Ningunha tortilla é mala sobre a diversidade, mentres que O ceo das reixas xira na volta das limitacións das liberdades.

Elías Portela (Cangas do Morrazo 1981): Tradutor e escritor en islandés, galego e castelán. Considerado un dos tres poetas máis representativos da lírica islandesa actual pola UK Poetry Review e gañador do XII Premio de poesía Afundación entre outros premios na Galiza. A súa obra baséase nas posibilidades das palabras e na busca de novas voces, completamente externas ao autor.

Comentarios