La La Land, a voraz ambición artística que perdurará

Se eu fose Carlos Boyero escribiría aquí acerca de todas as emocións (ledicia, tristeza, vontade de cantar, desexos de bailar) que experimentei este sábado desde a butaca vendo La La Land. Non o son, tanto ten o que eu pense/sinta!! Ou talvez si, talvez o misterio e o prodixio do cinema consiste niso, en multitude de experiencias persoais, individuais, que se viven nun espazo colectivo, nunha sala escura, e que logo se socializan, se contan, ou se escreben.

La La Land
photo_camera Un fotograma do filme

Só en pouquísimas ocasións un filme chega a ser un grande evento cultural que trascende o ámbito da cinefilia, un parte-augas, un deses momentos que se poden dicer que marcan un antes e un despois na historia da arte (na historia tamén dun negocio, o cinema éo e carísimo). Sen ser Carlos Boyero anímome a dicer que La La Land fai parte deses rarísimos lances epifánicos e/ou fundacionais, ou sexa, que no futuro habémonos perguntar cando a vimos por primeira vez, que sentimos, se víramos ou non algo antes de Ryan Gosling, que coñecíamos de Justin Hurwitz, que sabíamos da historia de Damien Chazelle, con que engado nos enfeitizaba Emma Stone, digo que o filme ten o pouso do inaugural porque no presente as e os cineastas ollan xa para ese momumento e saben que marca un reto, un desafío, como non o ter en conta á hora de planificar novos filmes musicais que chegarán como unha saga inevitábel (musicais ou non), como incorporar sen que pareza un pastiche a nova narrativa que o filme propón, sabendo que nada é nunca absolutamente novo e que La La Land non sería tal se antes non existise o cinema de Stanley Donen ou Vincente Minnelli ou Woody Allen, Nicholas Ray ou Alfred Hitchcock, que a todos eles de forma directa ou oblicua esta obra eminente homenaxea.

Diso realmente vai La La Land, non de homenaxear os clásicos, senón de ser ela propria un clásico

La La Land é un canto ao musical clásico, si, mais é, ante todo e sobre todo, unha maxistral declaración de amor ao cinema como arte total, como compendio da pintura, a fotografía, o teatro, a danza, a música... E é un filme feito desde unha voraz ambición artística, non un filme planificado prioritariamente para pulverizar as billeteiras, senón un filme para perdurar, para ollar de igual a igual a An American in Paris ou Singing in the Rain, cimeiras maiores. O tempo, o crítico de cinema máis implacábel, tamén o máis xusto, será o que acabará ditaminando, de aquí a unhas décadas, se o talentoso Damien Chazelle deu materializado ou non o seu soño, o de se colocar á mesma altura que Donen ou Minnelli. Que diso realmente vai La La Land, non de homenaxear os clásicos, senón de ser ela propria un clásico. A miña modesta visión aquí e agora, xaneiro de 2017, é que si, que Chazelle triunfou na empresa. Arríscome, claro, a arrependerme de aquí a dez anos, mais falo desde a emoción primeira, atrapado aínda pola escintilante, deslumbrante, sucesión de imaxes, por unha partitura excelsa e plena de distintos rexistos, ora vibrante ora poética, ora euforizante ora melancólica, a vida mesma no pentagrama de Justin Hurwitz, aponten este nome, este compositor veu para ficar, e si, por que non, por que non soñar en alcanzar algún día o alto patamar en que moraba un Cole Porter, vale a pena intentalo.

A factura técnica do filme (formato panorámico, resgate do Cinemascope) abeira a perfección, eses planos secuencia son de visión obrigatoria en calquera escola de cinema

A factura técnica do filme (formato panorámico, resgate do Cinemascope) abeira a perfección, eses planos secuencia son de visión obrigatoria en calquera escola de cinema, e logo está o manexo do tempo, un filme excelso é aquel en que nunca sobra nen falta nada, en que todas as secuencias son antolóxicas (niso é superior Singing in the Rain a An American in Paris), en que todo che sabe a pouco, en que non ollas para o reloxo nen un só segundo, en que estás desexando que o filme non acabe. Logra Chazelle todo iso, sinal de mestría só accesíbel para os elexidos, tremendo que acade esa estatura só con 31 anos.

Capítulo aparte merece o traballo da actriz e o actor protagonistas. Ambos en estado de graza. Alcanzan un grao de compenetración que remite de imediato para outras duplas míticas. Palabras maiores. Emma Stone, grande na intensidade con que aguanta os planos, ten iso indefiníbel que te obriga a ollar para ela sempre, un pouco o que di Kirk Douglas de Lana Turner en The Bad and The Beautiful. E Ryan Gosling é varios actores nun só. Un pouco Errol Flynn. Un pouco James Dean. Burlón. Atormentado. Non baila como Astaire, tampouco Stone como Cyd Charisse, mais tanto ten, a historia tampouco vai de acrobacias, vai sobre a vida.

E, si, a historia non é orixinal. Evoca A Star is Born ou New York, New York, o típico relato dunha parella de talentos que queren triunfar como artistas na devastadoramente competitiva Los Ángeles. Nada que valla a pena comeza de cero nunca. La La Land, tampouco. Porén, estamos ante un filme que abre novos camiños, que sintetiza a tradición e que a moderniza e que, portanto, a supera. Unha obra mestra que convida a cantar e a bailar, mais tamén a pensar sobre que facemos coa nosa vida e para que estamos aquí. Cinema en estado puro.

Comentarios