Kepa Junquera, Chico César, Tanxugueiras, Uamusse e Uxía poñen o ramo ao Cantos na Maré

Será este domingo en Pontevedra cun concerto dedicado ao canto alentexano.

chico césar
photo_camera Chico César [fotografía tirada do seu FB]

O auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra será este domingo 14 de outubro o palco (a partir das 20.30 horas) do capítulo final da presente edición de Cantos na Maré, o festival da música lusófona que se vén desenvolvendo na boa vila desde a pasada quinta feira.

O fecho vaino pór un espectáculo que leva como título xenérico proxecto Ath-Thurdá, unha iniciativa do concello de Évora e que se insire no marco das accións promocionais da candidatura deste municipio luso como Cidade Europea de Cultura en 2027.

Apresentarán o proxecto no Cantos na Maré a cantora galega Uxía, directora musical do festival, e o músico e compositor vasco Kepa Junquera. Canda eles vanse debruzar sobre o palco, no evento que pon o ramo ao Cantos na Maré 2018, músicos portugueses como Antonio Bexiga, Beatriz Nunes, Carlos Menezes e Celina da Piedade, o brasileiro Chico César ou a mozambicana Selma Uamusse. 

Todos eles —acompañados ao piano por Paulo Borges e á gaita por Raquel Domínguez— renderán tributo ao canto alentexano, o argumento que dá corpo ao proxecto Ath-Thurdá.

Antes de o pano caer sobre o auditorio do Pazo da Cultura, o Cantos na Maré ten dúas citas máis na súa axenda: ás 12 horas, unha visita comentada polas Ruínas de San Domingos, con concerto posterior da banda de música de Pontevedra e do gaiteiro Suso Vaamonde, en tanto que, xa pola tarde, Polo Correo do Vento protagonizará, na Praza da Verdura, unha sesión de contacontos sob o título de “Periplo Atlántico”.

Comentarios