Kalandraka publicará as obras completas de Chévere

Chegan máis novas ligadas ao 30 aniversario de Chévere: Kalandraka publicará as súas obras completas e en setembro poderemos asistir a unha antoloxía da Ultranoite, o seu emblemático espectáculo de 'varietés'. E, iso si, poñen proa cara o seu regreso a Compostela

foto_colaboradores_chevere
photo_camera Presentación esta mañá na Fundación Granell, con membros de Chévere e colaboradores

Hai pouco contabamos que Chévere celebra este ano tres décadas de existencia recuperando tres obras clásicas do repertorio da compañía: 'Río Bravo', 'Annus Horríbilis' e a 'Ultranoite no País dos Ananos', que se poderán ver durante o mes de xullo en Santiago de Compostela grazas a unha coprodución entre a compañía e o Concello desta cidade. 

Como extensión dos actos de celebración centralizados en Compostela, tamén durante o mes de xullo, a Mostra internacional de teatro cómico e festivo de Cangas acollerá unha función de 'Río Bravo' o día 1 de xullo, mentres que a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavía programará 'Annus Horribilis' o día 16. Este espectáculo estará tamén presente no Tom de Festa de Tondela (Portugal) o 15 de xullo.

Esta mañá Chévere presentou publicamente na Fundación Granell toda a programación deste 30 aniversario, no que tamén publicará proximamente as súas obras completas en colaboración coa editorial Kalandraka, e ofrecerá unha antoloxía da Ultranoite no mes de setembro. Ademais dos seus membros, estiveron acompañados polo alcalde da cidade, Martiño Noriega, e por moitos dos seus colaboradores ao longo destes 30 anos. 

Regreso a Compostela

Durante a presentación, Xesús Ron, comandante de Chévere e un dos membros fundadores da compañía, afirmou que Chévere vai ofrecer estes tres espectáculos como “un agasallo para o público”. Salientou a importancia de celebrar este aniversario en Compostela porque “é difícil entender Chévere sen esta cidade” e asegurou que a celebración vai supor “un regreso e unha reconciliación festiva”. 

Ron fixo así mesmo un chamamento ás xeracións máis novas para que non deixen de facer cultura en galego, e asegurou que a compañía vai “envellecer facendo o que sabemos facer no escenario”.

Pola súa parte, Martiño Noriega afirmou que “a cidade tiña unha débeda con Chévere, e era preciso marcar ese retorno”, referiuse á “posición de honestidade intelectual” e “dignidade” da compañía e asegurou que para Santiago será “un pracer reencontrarse” con ela. 

Comentarios