Kalandraka premia Marina Gibert por un "álbum silencioso"

A autora de 'Selva' sinala que o volume é apto para todos os públicos, pois cadaquén tirará as súas propias conclusións sobre esta obra escollida no certame organizado pola editorial e o Concello de Compostela. O libro é o segundo da historia do galardón que non inclúe palabras.
Marina Gibert, gañadora do premio, coa súa obra na praza do Obradoiro. (Foto: Kalandraka) #marinagibert #premio #kalandraka #ilustración
photo_camera Marina Gibert, gañadora do premio, coa súa obra na praza do Obradoiro. (Foto: Kalandraka)

"Con este álbum silencioso o que pretendo é xerar preguntas e que se procuren as respostas". A ilustradora Marina Gibert aclarou así a Nós Diario o sentido de Selva, a obra de “brillantez e orixinalidade” que lle valeu o Premio Internacional para Álbums Ilustrados 2021, un galardón que recolleu en Compostela esta quinta feira. 

A ilustradora catalá confesou -durante o seu discurso na entrega decorrida no Concello de Compostela- que coñecía o galardón promovido por Kalandraka e o Consistorio porque levaba tempo seguíndoo, ao igual que á Editorial Kalandraka. Tanto é así que cando tiña un proxecto fechado, o seu “primeiro libro como autora”, animouse a presentar a candidatura ao premio de ilustración. 

“Non me arrepinto de terme presentado, pois a ilustración foi moi ben acollida, pero non agardaba gañar malia que sempre se fantasea”, sinalou sobre a súa achega á biblioteca deste tipo de publicacións, que lle permitiu gañar o premio a primeira vez que se presentou.

Quer o recoñecemento público, quer a dotación de 9.000 euros, farán que continúe “por este camiño da ilustración” e siga “contando historias”. Iso si, desde a distancia coa palabra e a proximidade coa cor e o deseño. 

"Ten outra forma de lerse, sen palabras" algo que permite que Selva, e quizais o resto das achegas ao mundo editorial que están por chegar, estea aberta "a todos os públicos porque depende da idade que se teña pode haber diferentes conclusións".  

Se mesmo o xurado apuntou a súa “gran riqueza cromática” para acadar o primeiro lugar entre as 373 pezas enviadas desde 23 países a esta XIV do certame, non é raro que Gibert destaque a este xornal que o que pretendía coa historia era “xerar preguntas e que a xente procure as súas respostas”. 

De feito, un dos fundadores de Kalandraka, así como actual director, Xosé Ballesteros, considera o libro unha proposta perfecta para as crianzas porque é “brillante, sinxelo e orixinal” e ademais non ten palabras que convivan coa ilustración, sendo o segundo volume destas características merecedor do favor do xurado após 1880, do italiano Pietro Gottuso, que levou a anterior edición

Ballesteros anunciou, ademais, que enviarán exemplares da obra de Gibert á biblioteca de Lampedusa "para que formen parte do proxecto Silent Books de IBBY e estean a disposición das persoas refuxiadas que cheguen á illa italiana, para que teñan acceso a publicacións comprensíbeis para xentes de todas as nacionalidades".

Comentarios