martes 19/01/21
Literatura xuvenil

Kalandraka comeza o ano cun relato protagonizado por menores refuxiados

A tradución de 'Eu son A', de Steve Tasane, enceta 2021 con esperanza ante as circunstancias adversas
Capa de 'Eu son A', unha ilustración de Adrià Fruitós.
Capa de 'Eu son A', unha ilustración de Adrià Fruitós.

Após un ano complexo, Kalandraka arrinca 2021 cunha ollada esperanzada, na que "os libros e a lectura seguen sendo máis ca nunca un camiño firme polo que transitar cara ao futuro". A primeira proposta deste novo ano é Eu son A, un libro que se achega a temas como os dereitos humanos, a protección da infancia e a solidariedade. Carlos Acevedo traduce ao galego esta conmovedora obra do inglés Steve Tasane.

O protagonista, "A", non ten documentos nin familia, por iso os gardas do campo de refuxiados lle chaman simplemente por esa letra. O día que fai dez anos comeza a escribir un diario no que recolle a súa vida xunto a outros cinco nenos non acompañados: a busca de comida, os xogos, a amizade, o recordo dos seres queridos e dos lugares dos que proceden... A pesar da súa precaria situación, non deixan de manter vivo o desexo de pertenza, de ter algún sitio ao que poder chamar lar.

Lonxe de sentimentalismos, Tasane relata, cun estilo conciso e brillante, unha historia marcada pola vitalidade dos protagonistas: son curiosos, enérxicos, apóianse uns nos outros e están decididos a buscar un futuro mellor. "Os rapaces non acompañados nos campos de refuxiados non son ninguén; eles son todos, eles son nós", explica o autor.

Aínda que non é un relato autobiográfico, Eu son A serve de nexo entre a infancia rota do autor -fillo de inmigrantes estonianos no Reino Unido- e a dos pequenos refuxiados que tratan de sobrevivir nun mundo en continua crise, no que pouco mudou.

Tasane dedicoulle este libro á súa nai que, con moitas dificultades, o sacou adiante a el e aos seus irmáns cando foron abandonados polo pai. Tivo, ademais, unha dura nenez sufrindo as burlas dos nenos cos que ía á escola, que o sinalaban polas axudas que recibían para subsistir.

O autor

Steve Tasane é un poeta, novelista e activista, que comezou a súa traxectoria literaria facendo recitais e dirixindo obradoiros en escolas. Eu son A, publicada en 2018, foi a súa terceira obra de ficción para público xuvenil. Os seus libros figuran nas listas das mellores lecturas sobre diversidade cultural dos últimos 50 anos, en listas tan prestixiosas como as de The Guardian.

A súa infancia quedou marcada pola pobreza e polo abandono do seu pai, un refuxiado estoniano que chegou ao Reino Unido após a II Guerra Mundial. De mozo desempeñou varios oficios: empregado nunha gasolineira, mensaxeiro, limpador nunha fábrica e coidador de persoas con discapacidade.

Kalandraka comeza o ano cun relato protagonizado por menores refuxiados
comentarios