sábado 29/01/22

Kalandraka aposta por Sendak, o escritor "de libros bos para [email protected] [email protected]"

Despois de publicar no inicio de milenio, “Onde viven os monstros”, a editorial Kalandraka completará a triloxía coa tradución de “In the night kitchen” e “Outside over there”, obras que publicará nas cinco linguas peninsulares. Durante o ano, a editorial con sede en Pontevedra publicará unha decena de títulos do autor e ilustrador. 

Sendak
Sendak

Dez títulos durante o 2014 aos que se engadirán máis no ano seguinte. Kalandraka aposta por Sendak na súa nova tempada editorial polo autor americano, falecido en 2012, cincuenta anos despois de ter escrito “Onde viven os monstros”, obra que significou un fito no desenvolvemento do álbum infantil. Descatalogados ou mesmo inéditos, boa parte da obra de Sendak é de difícil localización e é esta a razón pola que Kalandraka se decide a traer ao galego, castalán, catalán, éuscaro e portugués a súa obra,a comezar por “In The night kitchen” que chegará ao galego como “Na cociña de noite”, un álbum traducido por Xosé Manuel González no que Sendak recorre espazos da súa infancia que foi censurado pola sociedade conservadora americana mais non tardou en se converter nun libro de referencia. “Outside over there”, de 1981, completarán a triloxía. 

Mini-biblioteca

Recuperarase tamén a “Mini-biblioteca” de Maurice Sendak, un conxunto de catro libros arredor das letras do alfabeto, os meses do ano, os números e un conto que incorpora unha sentenza. 

Con “Onde viven os monstros”,  Sendak deulle unha volta á literatura infantil e atopou outra linguaxe que se achegaba a aquelas crianzas que reviran os ollos e torcen o fuciño. Deixou a unha beira os contos de princesas e finais felices e adentrouse no mundo dos monstros, moito máis atractivo para todas as xeracións de nenos e nenas que gozaron co seu universo imaxinario.

O libro saíu publicado en 1963 e cumpriu cincuenta anos sen perder vida en todo este tempo. A súa sona foi medrando e engaiolando a novas xeracións de criaturas e converténdose, en certa medida nun icono cultural e un clásico da literatura infantil. Non por acaso, o propio Obama chegou a lelo en público e destacalo como un dos preferidos das súas fillas. Os monstros foron contraculturais, irreverentes, progresistas mesmo nun tempo no que se quería romper a orde establecida. No 2010 chegaron ao cine da man de Spike Jonze. 

Sendak tiña nacido en Brooklyn en 1928, procedente dunha familia de inmigrantes xudeus de Polonia. Os primeiros monstros dos que ouviu falar foron os nazis que perseguiron aos seus. Dicía que tiña mal humor e era un anaco gruñón e, talvez por iso, fuxía do sucre e o mel que empalaga tantas veces os soños máis cativos. Comentaba que o seu era facer “libros bos para nenos malos” e por iso o seu Max era traste, máis monstro que os propios monstros. Tanto, que ate a nai o ameaza con castigalo sen cear. Vaia nai e vaia fillo!

 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Kalandraka aposta por Sendak, o escritor "de libros bos para [email protected] [email protected]"
comentarios