martes 28/09/21

Julio Negueruela, 'Jamas', de Dios Ke Te Crew, publica o seu primeiro libro

A obra 'Diario dun pirata confinado', que conta cun prólogo da autora Teresa Moure, foi escrita entre marzo e xullo de 2020.
JULIO NEGUERELA
Imaxe promocional de Julio Neguerela. (Foto: Cedida).

"Amenceu asollado, respírase un ambiente a campamento de verán. Un can pasea o seu dono polo Home Santo, un peregrino perdido contempla en silencio a catedral. Nun restaurante baleiro, catro paisanos recollen un pedido de comida para levar. Vinte e sete cañas despois, abandonan o local sen o sándwich mixto. O protocolo de confinamento comeza de xeito normal".

Así comeza o Diario dun pirata confinado, o primeiro libro de Julio Negueruela, máis coñecido como 'Jamas', integrante do grupo de rap Dios Ke Te Crew.  A Editorial Urutau publica este escrito onde o autor narra os seus pensamentos e vivencias durante o confinamento.

"A idea deste libro xorde o día 14 de marzo de 2020, de maneira espontánea, no coche, cando ía á compra coa miña parella escribín o primeiro capítulo no móbil e aí foi onde me propuxen este caderno de bitácora, que durou os tres meses", explica o escritor en conversación con Nós Diario.

Os capítulos, escritos ao día, entrelazan varios xéneros "onde prima sobre todo a narrativa, mais tamén hai pinceladas de poesía e ensaio", combinando a realidade e a fantasía. "A xente que o lea poderá pensar que hai feitos que semellan fantasía, mais son reais", apunta.

Os textos foron creados en lugares como "a terraza e a bicicleta estática do piso dos meus sogros, onde pasaba o tempo entre quintos e cigarros". Para poder matizar os escritos "utilizaba o tempo que me deixaba as sestas da miña nena, que por aquel momento tiña 18 meses, e pola noite rematábaos para o día seguinte continuar co próximo capítulo", conta. 

Negueruela escribiu desde o 14 de marzo até o 15 de xuño do ano pasado, "mais a idea era que fose até o día 21 de xuño, co final do estado de alarma decretado polo Estado español. Cando Feixoo anunciou que tres días despois da súa comparecencia comezaría a 'nova normalidade'  no país trastornoume os plans, porque tiven que descartar ideas que tiña pensadas para os dez días restantes", explica o autor. 

O resultado é un libro "sen ningún tipo de censura, nin pola miña parte nin pola editorial, onde expoño a miña opinión e reflexións sobre o exército, a Garda Civil, a Igrexa e mesmo a CRTVG", indica o escritor. Pódese apreciar certa evolución no comezo do libro, "xa que os dez primeiros capítulos son máis curtos, malia ningún ser moi longo", apunta o artista. A publicación "pódese ler por capítulos soltos, mais para entender certos aspectos, personaxes e detalles, o público debería lelo do comezo ao final", sinala Negueruela.

"Dios que te quiu"

O escritor e integrante do grupo de rap galego Dios Ke Te Crew comenta co xornal o "duro que resultaba no confinamento explicarlle á miña nena que non podiamos saír á rúa cando nos sinalaba as chaquetas. Agardo que, de cara ao final do verán, poidamos volver aos escenarios co grupo e poder levala para que se divirta como o facía antes, danzando e gritando o nome do grupo como ela fai 'Dios que te quiu'", relata.  

Negueruela avanza que o grupo está a preparar diversos contidos dixitais para "seguir dándolle ao público a esencia de Dios Ke Te Crew", conclúe.

"Quen me coñece di que Teresa Moure me calou por completo"

O primeiro libro de Julio Negueruela, Diario dun pirata confinado, conta co prólogo da escritora galega (e referente para o escritor) Teresa Moure, quen se declara "papagaia-amiga do pirata" e describe este lanzamento como "a primeira bala dun kalashnikov cargado de ácida retranca". 

O prólogo encantoulle ao autor "desde o comezo até o fin e, quen me coñece e o leu, comentáronme abraiados o ben que me calou Moure". 

comentarios