José Manuel López gaña o Ksado de Fotografía

O fotoxornalista leonés proclamouse vencedor da XV edición do premio convocado pola Deputación da Coruña coa súa colección de imaxes titulada 'Atrapados ás portas de Europa', onde retrata a fuxida da guerra, da fame e da pobreza.
FOTO_02
photo_camera Unha das imaxes que compón 'Atrapados ás portas de Europa'. (Foto: José Manuel López)

O Premio Luís Ksado de Creación Fotográfica, que organiza a Deputación da Coruña, deu a coñecer nesta cuarta feira o nome da persoa gañadora da súa XV edición, o fotógrafo José Manuel López Pérez, que presentou a colección “Atrapados ás portas de Europa”.

A escolma de imaxes do fotoxornalista leonés busca, segundo el mesmo indica, facer visíbeis “as persoas que foxen dos países de orixe debido ás guerras, á fame e á pobreza”. Unha cuestión que tamén destacou o xurado do premio, que valorou que o fotógrafo “se implica nun momento histórico con imaxes de puro carácter documental do que está a ocorrer na problemática dos refuxiados”, destacan.

Ademais, os xuíces loaron a súa “capacidade de narración visual de gran calidade técnica ao servizo do tema, unha cor sobria, no límite da percepción, que axuda a comprender mellor o que está ocorrendo nas imaxes".

Outra das razóns que xustifican a escolla da obra de José Manuel López é que se trata de imaxes que "transcenden o momento e convértense en iconas dun drama que define o século XXI”, segundo apunta o xurado, "fotos nas que se pon en primeiro termo a dignidade das persoas retratadas, un proxecto fotográfico no que o fondo e a forma se conxugan para contar unha historia, un drama, dunha maneira sobria e contundente".

O xurado estivo composto pola doutora en Belas Artes, Laura B. Terré Alonso; a historiadora Iria Pena Presas; a fotógrafa galega Lúa Ribeira e o catalán Tino Soriano; e a artista Victoria Diehl López.

Ademais estivo presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, coa xefa de servizo Mercedes Fernández-Albalat como secretaria. A obra de José Manuel López Pérez escolleuse entre un total de 65 coleccións que se presentaron ao premio, baixo curadoría do fotógrafo Xurxo Lobato.

O fotoxornalista leonés

José Manuel López Pérez (León, 1971) é un fotografo independente especializado en documentar temas relacionados cos conflitos e a inxustiza. Despois de estudar na Escola de Artes de Oviedo, traballou durante 11 anos en La Crónica de León.

Como fotógrafo freelance traballou en lugares como Afganistán, Palestina, Irán, Haiti, Nagorno-Karabakh, Ucraína, Siria, Somalia, Guatemala ou Sudán do Sur, entre outros. 

Comentarios