O portugués Jorge Palma, cabeza de cartel do Cantos na Maré

Logo dun parón en 2015, volve o 16 de xaneiro o Festival da Lusofonía que presenta un cartel con Jorge Palma, un dos piares da música rock portuguesa, o dúo galego Uxía&Narf, e dúas artistas para descubrir: a brasileira Thaïs Morell e a africana Karyna Gomes. 

JorgePalma1
photo_camera Jorge Palma

Cantos na Maré, o Festival Internacional da Lusofonía, suma ao seu cartel o nome de Jorge Palma, un dos piares da música rock portuguesa, que marcou toda unha xeración de artistas no seu país e que será a primeira vez que actúe en Galiza. Como xa se anunciou no Culturgal, esta duodécima edición inclúe tamén dous novos descubrimentos, a brasileira Thaïs Morell e a africana de Guinea Bissau Karyna Gomes, xunto a dous músicos galegos de recoñecida traxectoria, Uxía&Narf, que levarán o seu último proxecto, 'Baladas da Galiza imaxinaria'. 

A duodécima edición de Cantos na Maré será no Pazo da Cultura de Pontevedra o 16 de xaneiro de 2016. Así o anunciaron onte en rolda de prensa a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, a directora artística do festival, Uxía, e o produtor de Nordesía, Vítor Belho, quen indicou que “logo dun ano no que por diferentes circunstancias foi imposible realizar a edición correspondente volvemos á nosa casa, Pontevedra, para asentar os valores do proxecto, as relacións de ida e volta que se teñen establecido cos diferentes territorios que están presentes no festival”.

Belho anunciou tamén a vontade de sumar un nome máis ao cartel, un convidado especial de gran repercusión internacional, que o festival xa ten en trámites e que se espera dar a coñecer a comezos de ano. “En 2016 Nordesía cumpre o seu 20 aniversario e queremos achegar o noso gran de area para celebralo con esta nova incorporación”, comentou. 

Uxía foi a encargada de presentar aos diferentes artistas desta edición, dos que salientou que “cada ano supón unha nova ilusión poder mesturar artistas consagrados con novos descubrimentos e que os días de convivencia sirvan para que autores tan singulares creen xuntos”. 

Falou de Jorge Palma como un autor de culto, gran pianista, guitarrista e orquestrador, cunha morea de discos ás costas, moi coñecidos polo gran público. “É unha das figuras máis importantes da música portuguesa de todos os tempos, que marcou toda unha xeración e mesmo integrou o grupo Rio Grande con outros grandes nomes de Portugal, como Rui Veloso, que tamén estivo en Cantos na Maré”, resumiu. 

No apartado de descubrimentos Cantos na Maré trae a Thaïs Morell e Karyna Gomes. Da brasileira Uxía destacou a súa formación nunha das escolas de música máis prestixiosas do mundo, a Sibelius en Finlandia, que logo viviu en Ghana tomando contacto coa música africana, para finalmente establecerse en Valencia. “É unha creadora única, moi orixinal, unha compositora brillante e unha guitarrista excepcional, que vai presentar aquí o seu novo disco, “Amaralina, unha xoia”. 

Definiu a Karyna Gomes como a gran revelación da música da África lusófona, cun primeiro disco, “Mindjer”, producido polo director musical de Cantos na Maré, Paulo Borges, que tivo un grande éxito de crítica e público. “Investigadora da música de raíz do seu país, Guinea Bissau, de seguro vai sorprender ao público”, valorou. 

Por último, falou da súa colaboración don Fran Pérez Narf. “Imos presentar as “Baladas da Galiza imaxinaria”, que son aquelas que están no corazón das persoas que temos espalladas polo mundo, sexan ou non de orixe galega”, explicou. En formato dúo, reúnen as músicas máis representativas de cada un deles nun traballo en común.

Comentarios