Jorge Mira e Carlos Brandeiro, novos académicos da RAG

O científico e o director do instituto arxentino-galego 'Santiago Apóstol' de Bos Aires son nomeados académicos correspondentes

Mira e Brandeiro RAG Academia

O Pleno da Real Academia Galega aprobou o nomeamento de dous novos académicos correspondentes: o científico Jorge Mira Pérez e a Carlos Xavier Rodríguez Brandeiro, director xeral do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo de Buenos Aires.

Brandeiro (San Román de Cedeira, 1970) é na actualidade unha das principais figuras de referencia das colectividades galegas en Arxentina e Uruguai. Co seu nomeamento como académico correspondente, a RAG procura fortalecer a súa rede de embaixadores no exterior cun referente entre as novas xeracións. Desde 2013 dirixe o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo, da Fundación Galicia-América. Neste centro, ao que se incorporou como docente de lingua galega no ano 2002, escolarízanse varios centos de nenos e nenas seguindo uns plans de estudos con fortes ligazóns con Galicia. É ademais coautor dun libro para a aprendizaxe da lingua galega e dirixe desde 2006 a revista cultural Gavieiro da nosa identidade, editada pola delegación arxentina da Fundación Galicia-América.

Jorge Mira (Baio, 1968) é catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela. Alén das liñas de investigación que mantén en eidos exclusivos das ciencias experimentais, traballa na modelización matemática de sistemas sociais aplicada ás dinámicas lingüísticas, campo no que creou un modelo que reproduce a evolución histórica do número de falantes de galego e castelán en Galicia. En relación con estes estudos, colabora desde 2014 co Seminario de Sociolingüística da RAG traballando nun proxecto de socioloxía da lingua, demografía e evolución. Tamén é un recoñecido divulgador científico. É autor dos libros A ciencia no punto de mira (2010) e A que altura está o ceo? (2016) e é ademais membro do consello de redacción de Grial e membro da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega

Comentarios