domingo 09/08/20
CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

John Garcia: The Coyote Who Spoke In Tongues

John Garcia
John Garcia

Garcia é, sen dúbida, un dos imprescindíbeis no panorama stoner e unha das voces máis importantes do panorama actual. Fundador da mítica banda Kyuss, sempre foi quen de mirar cara adiante e non vivir das rendas do pasado, como demostrou en todos os proxectos nos que se embarcou, nomeadamente Slo Burn, Unida, Hermano e, por suposto segue nesa liña con este novo traballo.

The Coyote Who Spoke In Tongues é un traballo especialmente íntimo, puramente acústico, onde prevalece a voz por riba de todo e no que xunta temas novos con clásicos de Kyuss. A sensación que temos dende que comeza a sonar Kylie, o tema máis potente do disco, é como se tivésemos Garcia no salón da nosa casa cunha guitarra cantando para nós. Non imos atopar grandes arranxos, nin virtuosismos, mais a voz de Garcia non precisa deles.

Os temas de Kyuss que reinterpreta neste álbum son Green Machine, Space Cadet, Gardenia e El Rodeo. No que se pode interpretar como unha homenaxe ao xermolo da súa carreira e máis un agasallo aos seus seguidores. Os temas  neste formato realmente funcionan, xa que non se trata dunha simple versión, senón dunha nova reinterpretación, con novos arranxos e unha produción extremadamente limpa, todo o contrario do que nos tiña acostumados. Tamén no disco inclúe unha nova versión de Argleben, canción incluída no seu primeiro disco, da que debo dicir que nin esta nin a orixinal acaban de funcionar.

No que aos temas novos se refire, xunto con Kylie, atopamos Give Me 250 ml. que xa escoitáramos no adianto deste traballo e que ten certo aire funk que incita a bailar e bater palmas. En The Hollingsworth Session destaca, ademais das voces,  o piano axudando a dar un toque preciosista e facendo medrar o que pode ser un dos mellores temas do álbum. Court Order, pola súa banda, é un tema instrumental que trata de pór un broche de ouro no peche do disco que destaca pola súa tranquilidade e polos seus coidados detalles.

Este no é un disco habitual de John Garcia, pero si un disco que leva o seu sinal de identidade na interpretación e no que a súa voz é a verdadeira protagonista. Un disco calmado e moi interesante que paga a pena escoitar.

JOHN GARCIA NAS REDES 

Facebook: https://www.facebook.com/JohnGarciaOfficial

Twitter: @johngarciasolo

LISTAXE DE TEMAS

  1. Kylie
  2. Green Machine
  3. Give Me 250ML
  4. The Hollingsworth Session
  5. Space Cadet
  6. Gardenia
  7. El Rodeo
  8. Argleben II
  9. Court Order

comentarios