Estrea en directo esta cuarta feira en Compostela

Os John Deeres viran ao clasicismo hard rock no seu novo disco

Rock duro segundo o libro de estilo dos anos 70. Eis a síntese apurada de 20-20, o disco co que os John Deeres regresan aos escenarios. "Xiramos cara ao rock & roll, cara ás nosas referencias de sempre", explícase Reices, o teclista da banda da Estrada. Esta cuarta feira presentan o traballo en Compostela, canda Pito de Pikasso e Soul Maxín.
 

os john deeres
photo_camera A banda de hard rock da Estrada John Deeres.

As "referencias de sempre" son, antes de máis, Deep Purple e Led Zeppelin. As sagradas escrituras do hard rock sérvenlle aos Deeres para apurar as estruturas das cancións, abrir o repertorio de temáticas -agora con certa inquedanza social-, e pensar no directo. "A diferenza do noso primeiro disco 8 (2013), este fixémolo todo coa mesma formación. Soa mellor, máis compacto", di. Guitarra, baixo, batería, órgano e voz organizan un material en que mesmo os primeiros Black Crowes deixan sentir o seu eco.

"Pode ser, si, tamén porque compartimos as referencias clásicas", afirma Reices, "ao cabo, esas son as músicas que na banda nos gustan a todos". Das composicións estendidas, "máis escuras", artelladas en varias partes, do seu debut, á contundencia concreta de 20-20, cunha voz ao bordo do heavy igual que a de Ian Gillan en Deep Purple, os John Deeres ocupan unha zona da música en galego pouco poboada. "Mais non queremos cubrir oco ningún, é a música que nos gusta", engade.

Non terán vontade de normalización e, con todo, a súa aposta é singular. "Non hai moitas bandas coma nós, é verdade", admite, "estaban os Avante, máis heavy metal, e agora hai uns rapaces da Costa da Morte, Almanimal. Pouco máis". Historicamente, os N.H.U., que facturaron en 1978 o seu único elepé. Hoxe é unha peza de culto do rock progresivo e, para Reices, pedra basilar.

"Para ben e para mal, son os festivais os que condicionan a música que se fai en Galiza", expón, "e aí triunfa o baile e a mestizaxe. Céntranse sobre todo nesas propostas". Esta cuarta feira, na Sala Capitol de Compostela, haberá espazo para contradicir esa tese. Canda os John Deeres, tocarán Pito de Pikasso, rock punk melódico que tamén veñen de estrear disco, Algodón de sucre, e mais Soul Maxín, banda compostelá con apenas uns meses de vida dedicada ao soul e ao funk en galego.

Comentarios