Chan da Pólvora publica 'Ferrovías', un libro escrito a medias coa poeta Anne Michaels

John Berger volve á Galiza

Un raro e delicado volume no que se mesturan o íntimo e o histórico, o poético e o social. Ferrovías, de John Berger e Anne Michaels, trenza un diálogo entre dúas personaxes que parte dunha estación de tren londiniense para tecer unha reflexión sobre o tempo, a historia, a memoria e os cambios dun mundo sempre en movemento.
John Berger. (Foto: Chan de Pólvora)
photo_camera John Berger. (Foto: Chan de Pólvora)

En 1997 John Berger saudaba a primeira novela da poeta canadense Anne Michaels, Fugitive pieces, afirmando que era “o libro máis importante que lin nos últimos corenta anos”. Naquela altura, Berger xa desfrutaba dun respecto e un status que lle aseguraba a Michaels un empurrón considerábel no seu debut como narradora. Oito anos máis tarde, en 2005, a compañía teatral Complicité estreaba unha adaptación dun texto escrito a medias entre Berger e Michaels, titulado Vanishing Points. Xa en 2011, publicaron o texto orixinal Railtracks. O libro, baixo o título de Ferrovías, vén de ser publicado agora por Chan da Pólvora, en tradución de Martín Veiga.

“O libro non estaba traducido a ningunha das linguas peninsulares”, explica Antón Lopo, da editorial Chan da Pólvora, “e iso dábanos unha dupla oportunidade de dar a coñecer a obra e de traducir ao galego, por primeira vez, unha escritora tan interesante como Anne Michaels. “É un texto que está a cabalo entre varios xéneros, desde o apuntamento performático até o poético, que é o que nos permite integralo no noso catálogo. E tamén é un libro no que a oralidade ten unha grande importancia, unha oralidade moi próxima ao lírico que as persoas lectoras van atopar moi próxima”, resume.

Ferrovías estrutúrase como unha serie de conversas entre A. e J., dúas personaxes que parecen ser amantes cunha longa historia de viaxes compartidas. Nas súas breves conversas, A. e J. falan tanto de asuntos persoais como de historia, ligando as súas palabras con referencias a estacións, vías, trens de mercadorías, vagóns, horarios...

O tren da modernidade

Poesía, narrativa e ensaio mestúranse nun raro ton lírico e evocador que logran que temas como partida e retorno, exilio e esperanza, ou nostalxia e busca dun futuro mellor adquiran unidade grazas a esa icona do tren que se erixe en símbolo dunha modernidade que resume ben a nosa época. 

Martín Veiga, o tradutor, explica que “a voz de Berger tende a asociarse con esa modernidade, porque en moitos sentidos foi punteiro en comunicar algúns dos grandes relatos modernos: a forma de reflectir sobre a historia da arte ou de achegar os grandes discursos a un público xeralista. Mais ao mesmo tempo toda a súa traxectoria está ligada á reivindicación do humilde, do máis vulnerábel e iso, en ocasións, non está moi ben acollido no mundo moderno. Ten unha mirada humanista que vai máis alá desa reivindicación do moderno e que o converte case nun clásico”.

A mirada sobre o ferrocarril acaba sendo tamén unha reflexión sobre o tempo e a memoria que se abandona a múltiples divagacións que enriquecen o discurso e que inclúen tanto o social como o íntimo. “O tempo e a historia son facetas fundamentais neste libro: o tempo entendido desde o punto de vista cronolóxico, mais tamén desde unha perspectiva máis ampla, da Historia con maiúsculas”, apunta Veiga. “Ademais, é unha reflexión moi ligada a un espazo moi concreto –a estación londiniense de King's Cross– e de como se viu afectado polo paso do tempo. Acaba sendo unha especie de exame dunha microxeografía centrada en Londres que se vai expandindo cara a outros mundos, e aí a voz de Anne Michaels resulta fundamental”.

Fronteiras e tránsitos

Michaels invoca a viaxe que o seu pai fixo até Canadá fuxindo dos perigos da Europa da época e iso pon o foco sobre como os movementos migratorios cambiaron a fasquía do mundo durante o século XX. “O libro fala de moitas fronteiras”, explica Lopo, “mais, sobre todo, fala do cambio de paradigma da emigración e da viaxe, de como os movementos migratorios acaban por cambiar o mundo”. Martín Veiga puntualiza que “o texto está percorrido por grandes metáforas: o tempo, a memoria e o tránsito. O ferrocarril actúa como eixo arredor do cal xorden esas ideas e axuda a ver eses movementos desde un punto de vista macrohistórico –as migracións– e tamén desde un punto de vista máis íntimo, como o dos amantes que se achegan ás estacións para atoparse no medio dunha multitude. Esa trenzamento entre o histórico e o persoal vai vertebrando todas estas ideas dunha forma nada forzada e moi natural”.

As fotografías que acompañan o texto, unha evocadora secuencia de imaxes de Tereza Stehlíková, realizadas nunha viaxe nocturna a través do sur de Bohemia–, redunda nese ton nostálxico que percorre o volume. “As fotografías teñen un nivel técnico moi básico e eu penso que tanto en Berger coma en Michaels existe a vontade de recoller unha testemuña desa técnica primitiva que precede á tecnoloxía moderna, como o propio tren”, explica Lopo. “Son un complemento moi suxestivo para o texto”, sinala Veiga, “e ancoran o libro nesa especie de modernidade clásica que lle outorga un aire atemporal”.

Comentarios