A mostra expón o traballo gañador do X Premio Galiza de Fotografía

O fotógrafo Joan Alvado revela a cultura de ritos das serras transfronteirizas

O gañador do X Premio Galiza de fotografía Contemporánea, Joan Alvado, inaugura na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos de Lugo a obra gañadora, titulada "Os batismos de meia noite". 
Fotografía de Joan Alvado que se expón en Lugo. (Foto: Joan Alvado)
photo_camera Fotografía de Joan Alvado que se expón en Lugo. (Foto: Joan Alvado)

A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos de Lugo acolle a inauguración da exposición "Os batismos de meia noite" do artista Joan Alvado. Trátase da mostra gañadora da décima edición do Premio Galiza de Fotografía Contemporánea. O certame, organizado polo festival Outono Fotográfico, conta co patrocinio da Xunta da Galiza e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O premio consiste na realización da exposición que se inaugura hoxe e na publicación dun libro, así como na promoción do proxecto gañador mediante o itinerario da exposición durante 2 anos e a distribución da publicación. 

O coordinador e curador da  exposición, Vítor Nieves, explica a Nós Diario que "Os batismos da meia noite" é un proxecto que podería enmarcarse no xénero da ficción documental. Cunha gramática documental clásica, que denota as prácticas fotográficas do autor, apóiase nunha "narración evocadora" que pon imaxes ao "intanxible da tradición" e da memoria das terras do Alto Minho.

Nieves aclara que o fotógrafo catalán chegou a fotografar o norte de Portugal grazas a unha residencia artística que realizou no municipio de Arcos de Valdevez. "Os batismos de meia noite" é o resultado de meses estudando como o illamento dun medio natural pode modelar as crenzas espirituais dos seus habitantes desde tempos inmemoriais ata o día de hoxe. 

A obra de Alvado xira arredor da espiritualidade ancestral da cultura galego-portuguesa. As súas fotografías, cunha atmosfera "idílica", revelan a cultura de ritos e crenzas que aínda perduran nas serras montañosas que separan a Galiza e Portugal, concretamente na Serra da Peneda, onde foron tomadas as fotografías que se expoñen na Sede da Deputación.

Creación dun espazo fotográfico galego

O galardón de fotografía contemporánea ten como obxectivo promover, da mesma maneira, a creación dun espazo fotográfico na Galiza que complemente o creado durante máis de tres décadas polo festival internacional Outono Fotográfico. Fomenta así propostas de carácter visual-fotográfico, sen límites en canto a técnica ou estética, de autoras e autores tanto nacionais como estranxeiras. 

No acto, ademais do artista Joan Alvado, estarán presentes Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación de Lugo; Anxo Lourenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta da Galiza; e os coordinadores do premio, Xosé Lois Vázquez e Vítor Nieves.

Comentarios