É agora outro compositor, o mestre Joám Trillo, quen transcribe e revisa as partituras da Sinfonía nº2 Nas montañas da Galiza. O obxecto, a súa coedición entre a editorial viguesa Dos Acordes e a Xunta na colección Ars Gallaeciae Musicae.
O volume ofrece, segundo a nota remitida polo Goberno galego, «nova información sobre a obra», e incorpora unha introdución a cargo do musicólogo Carlos Villanueva, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela. A iniciativa cadra co Ano Gaos, declarado pola mencionada universidade no 60 cabodano do pasamento do compositor.
Andrés Gaos formouse entre a súa Galiza natal, Madrid, París e Bruxelas. Residiu durante décadas en Bos Aires, e alí tamén exerceu a docencia. Como concertista especializouse no violín. Configurou un repertorio de máis de 70 obras, entre elas a Sinfonía nº1, Aires galegos, Romanza para Violino e Piano, Elexía para piano e violín, dedicada ao seu amigo o catalán Pau Casals ou Impresión nocturna.
Non é tampouco a primeira vez que o mestre Joám Trillo se enfronta á obra de Gaos. No seu día revisou e adaptaou pezas como a mencionada Impresión nocturna, Amor vedado ou Allegro para violino e orquestra.