A CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'JIMMY’S HALL'. Ken Loach volve a Irlanda

 Tras dez anos nos Estados Unidos, o líder comunista irlandés James Gralton (Barry Ward) regresa a Irlanda para visitar a súa nai. Alí reabre un local para que todo o mundo poda reunirse, bailar, bailar ou expresarse artisticamente.

jimmy-s-hall-2014-003-cyclists

Ken Loach (Axenda Oculta, Pan e Rosas) tráenos unha historia baseada en feitos reais arredor da figura de James Gralton, un activista irlandés emigrado nos Estados Unidos que loitou na guerra de independencia de Irlanda e que foi o primeiro, e único, deportado político da República de Irlanda en 1933. ‘Para variar’ aproveita para denunciar as inxustizas sociais e lanzar un discurso profundamente anticapitalista e antifeixista, sempre a prol da clase obreira. E faino a través dun Centro Social: o Jimmy’s Hall do título. Un lugar, construído por Jimmy Gralton (Barry Ward) e polos mesmos veciños do condado de Leitrim, onde ter cabida calquera iniciativa de expresión artística e cultural: música tradicional, baile, clases de pintura, lingua (gaélica), charlas… e onde todo o mundo é benvido e pode participar activamente.

Un local social sen ánimo de lucro para esparexemento propio, e alleo. É dicir, un lugar onde facer foliadas, cantar e montar unha boa xolda… pero á irlandesa, claro. Non fai falla moita imaxinación para ver que é igualiño a calquera centro social que defende a cultura da nosa terra. A película conta cun reparto case descoñecido de actores irlandeses con marcado acento que, desgraciadamente, só se pode apreciar na versión orixinal. Na equipa técnica a maioría dos habituais do director británico: no guión Paul Laverty, que participou en practicamente todas as de Loach desde A canción de Carla (1996), e na banda sonora George Fenton, tamén habitual de directores coma Neil Jordan, Stephen Frears ou Terry Gilliam, entre outros. Aparte da historia marcadamente reivindicativa destaca a ambientación e unha espectacular fotografía naturista na que resaltan uns campos de marcada cor verde nos que da ganas de botarse a rolos. Porén, a calidade perde nas escenas nocturnas nas que abusa da luz artificial e perdendo así o preciosismo visual que apuntaba nas escenas diúrnas. Aparte da denuncia social inherente en Jimmy’s Hall, onde caben temas do máis variado como a explotación empresarial, a avaricia sistemática do sistema, a hipocrisía eclesiástica ou os desfiuzamentos, tamén hai tempo para a comedia, o romance, a acción e sobre todo a música.

A música: ese instrumento libertino que é case unha afronta contra o sistema. Un poder reivindicativo nun tempo onde calquera expresión de liberdade supuña unha afronta directa contra aqueles que trataban de exercer o control. A película funciona ben mentres se narra este episodio particular na vida de James Gralton. O retorno do emigrado, o reencontro cos coñecidos e co imposible amor de xuventude (Simone Kirby), agora con marido e fillos, como constrúe o local social e como ten que loitar por sacalo adiante en contra do pensar do cura do pobo (Jim Norton) e o cacique local (Brian F. O’Byrne). Ata aí todo ben. Mais cando comeza a proceso de deportación, a tratar de cadrar datas, amentar a Valera, a Tom Mann e demais datos históricos da época, a cousa tordea un pouco. Non porque non sexan datos interesantes, verídicos ou non os encaixe ben, senón porque semellan autoimpostos para dar verosimilitude a unha historia a que non lle facía máis falta que potenciar o lado humano co que comeza o relato. Con todo é un interesante filme arredor dunha época de loita obreira contra os de arriba. Actualidade pura a dura, vamos. Película para espíritos reivindicativos e seguidores da filmografía de Ken Loach.

JIMMY’S HALL

Ano: 2014

Duración: 109 min.

Coprodución: Reino Unido, Irlanda e Francia

Director: Ken Loach

Guión: Paul Laverty

Fotografía: Robbie Ryan

Música: George Fenton

Elenco: Barry Ward, Simone Kirby, Andrew Scott, Jim Norton, Francis Magee, Brian F. O’Byrne, Aisling Franciosi, Aileen Henry

Comentarios