CRÍTICA DE CINEMA

John Wick 3: Parabellum, por A. Castro

O período de graza rematou. John Wick quedou excomulgado. Desde ese momento ninguén pode prestarlle axuda. Milleiros de asasinos de todo o mundo tratarán de darlle caza e facerse coa recompensa de 14 millóns de dólares que pesan sobre a súa cabeza. Pero John conserva un as baixo a manga...

Richard-JohnWick-1558384615-640x427

“Chuck Norris mira cada noite baixo a cama por se está John Wick”. Brincadeiras coma esta hainas a patadas en internet ao tempo que nos indican ata que punto chegou o fenómeno John Wick. Todo comezou cun roubo e un asasinato. A John Wick, o asasino máis perigoso do mundo (tamén coñecido coma “O home do saco”), róubanlle o coche e... mátanlle o can. Suficiente para enleala pardo. Iso aconteceu no primeiro capítulo.

No segundo, que se presentou baixo o título Pacto de sangue (ver Sermos Galiza nº262), dábase a coñecer máis a fondo o funcionamento da estrutura piramidal da particular organización mundial de asasinos á que pertence John Wick. Tras volver enleala pardo, remata cun período de graza para que Wick teña tempo de escapar antes que caia sobre el todo o peso da organización. De feito un servidor comezou por este capítulo (o mellor até a data) e, como se fose Xogo de tronos, non puido evitar engancharse definitivamente...

Parabellum comeza xusto onde remata Pacto de sangue. Wick fuxe contra o reloxo da inminente excomunión que suporá que todos os asasinos do mundo vaian tras del. Non hai tempo para medias tintas. John Wick a pleno rendemento desde o minuto un. Todo aquel que se lle poña diante vai dado, e calquera cousa que teña a man lle serve para facer o que mellor sabe: matar. A palabriña do título fai referencia á locución latina: Si vis pacem, para bellum (“se queres paz, prepárate para a guerra”). Toda unha declaración de intencións.

Nótase que os guionistas esforzáronse ao máximo para que John Wick non se repetira demasiado na maneira de cargarse á xente. Os vinte primeiros minutos son unha completa orxía de violencia gratuíta e adrenalina. Puro goce para o cerebro reptiliano... A medida que asistimos á progresión xeométrica dos expeditivos métodos de John Wick, a cada cal máis exaxerado, o esmendrelle comeza aflorar. Sorte que a cousa está ben dosificada durante a metraxe porque senón comezaríamos a sentir certa indixestión...

Volve dirixir Chad Stahelski que, lembremos, até fai ben pouco dedicábase a ese mundo tan necesario, pero oculto, dos especialistas ou dobres de acción. De feito Stahelski foi o dobre de Keanu Reeves nas escenas de acción de Matrix (e secuelas). Unha relación que se repetiu en Constantine e O poder do Tai Chi, debut na dirección de Reeves, e un dos motivos polos que a saga funciona tan ben: actor e director en plena sintonía, unha personaxe carismática que acae como unha luva a Keanu e unhas escenas de acción coidadas ata o máis mínimo detalle nas que os dobres de acción teñen un papel esencial.

Tamén destila un mimo e coidado inusitado por dar aos personaxes secundarios certa entidade e carisma. Repiten Ian McShane (American Gods), Laurence Fishburne (Morfeo en Matrix) e Lance Reddick (American Horror Story) aos que se lles unen Marc Dacascos (Crying Freeman), Jerome Flynn (Bronn en Xogo de tronos), Anjelica Huston (Dublineses) e Halle Berry (Monster’s Ball), entre outros e outras. Lonxe de interpretar meros estereotipos desenrolan uns roles cheos de matices e arestas. Algo impropio deste tipo de filmes. Todos e cada un interpretando personaxes cunha personalidade ben diferenciada e unha poderosa historia ás costas que ben merecería ter o seu propio spin-off. Probablemente para o cine sería algo excesivo pero para algunha plataforma streaming sería ideal. Aí o deixo...

Máis intensa e non defrauda, pero menos redonda que a anterior achega. Por momentos John Wick está no límite de ser unha parodia de si mesmo, case un debuxo de Tex Avery ao que non hai maneira de matalo. Aínda así mola moito as tribulacións deste personaxe neo-noir que vai camiño de ser unha lenda no xénero de acción. Agradécense tamén as chiscadelas veladas a Blade Runner, Casablanca, O bo o feo e o malo e, como non, a Matrix. Haberá cuarta entrega de John Wick (anunciada para o 2021). E visto como remata esta... promete.

John Wick: Chapter 3 - Parabellum

(EUA 2019, 131 min.)

Dirección: Chad Stahelski

Guión: Derek Kolstad, Shay Hatten, Chris Collins e Marc Abrams

Fotografía: Dan Laustsen

Música: Tylar Bates e Joel J. Richard

Elenco: Keanu Reeves, Halle Berry, Ian McShane, Laurence Fishburne, Mark Dacascos, Asia Kate Dillon, Lance Reddick, Anjelica Huston, Saïd Taghmaoui, Jerome Flynn, Randall Duk Kim, Tiger Hu Chen

Comentarios