“Jet Lag”, de Eloy Domínguez, candidata a mellor ópera prima no FIDMarseille

 A película Jet Lag de Eloy Domínguez Serén, compite no FIDMarseille 2015 na sección de mellor ópera prima. Rodada en Guillarei, o filme rompe muros da "observación á implicación" para se achegar á vida dun traballador de noite nunha gasolineira. 

jetlag
photo_camera jetlag

De noite non todo o mundo durme ou goza , “Jet Lag” achégase á vida de Diego, un traballador na quenda de noite dunha gasolineira illada na fronteira entre Galiza e Portugal que vai recibir a visita do director de cine Eloy Domínguez e a produtora Martínez. O filme, que se presentou no Festival de Sevilla e se proxectou noutros como o Festival Internacional de Cine Documental de Navarra, compite agora na categoría de mellor ópera prima no FIDMarseille 2015. 

“Gústame pensar que Jet Lag é, dalgún xeito, a crónica do filme que non puido, nin quixo ser. A súa rodaxe noctámbula, trasnoitadora, presumibelmente rutineira, derivou porén cara ao azaroso e o accidentado, inducindo unha toma continua de decisións intuitivas, incertas, precipitadas polo fortuíto, condicionadas polo extrínseco, suxeitas permanentemente á anomalía”, explica o director Eloy Domínguez Serén da xénese do filme que responde ao que define como unha “falta de control” que tornou imprevisíbel a súa realización.  

Da observación á implicación

“Jet Lag expón, nos seus diversos estratos, o esbozo dun retrato, os fragmentos dun diario, o relato dunha espera. Mais, ante todo, este filme desvela unha convivencia: da observación pasiva á implicación activa; da ausencia á coexistencia; do ti ao nós. Quen filma e quen é filmado aproxímanse ata finalmente identificarse, aliarse, unirse”, sinala o director que pasa tamén a formar parte do filme rodado en Guillarei en 2014. 

Nacido en Simes en 1985, Eloy Domínguez Serén é cofundador e codirector de A Cuarta Parede, primeira revista dixital en galego de crítica cinematográfica. “Fills de Samsó”, coproducida pola Televisió de Catalunya, é a súa primeira curtametraxe documental á que seguiría “Petring”, rodada xa en Estocolmo e estreada no Festival de Cine Europeo de Sevilla antes de pasar por unha ducia de festivais internacionais. En 2014, ano da produción de Jet Lag, Domínguez Serén impartiu obradoiros de cinema nos campamentos de refuxiados saharauís de Tindouf.

Comentarios