NANI GARCÍA

“O jazz implica unha mirada crítica”

Pianista, compositor, alma de Nani García Trío, e un dos nomes fundamentais para entender o jazz en Galiza e mesmo no Estado. Entrevistámolo con motivo do segundo traballo de NGT, todo un 'achádego afortunado'.

Nani García
photo_camera Simón García, Nani García e Miguel Cabana

'Serendipia' (descobremento ou achádego afortunado) é o título do novo traballo de Nani García Trío. Nani García (piano), Simón García (contrabaixo) e Miguel Cabana (batería) abren e profundizan nos horizontes musicais que xa perfilaran en 'Renaissance' (Xingra, 2012), o seu primeiro disco. Composicións propias, un son definido e que asume o reto de reflectir o directo, ese enlazar a era bop co jazz de autor baixo unha impronta de seu. Nani García Trío volve achegar unha proposta orgánica e orixinal ao jazz galaico.

‘Serendipia’ é o segundo disco que publicas en apenas dous anos. Está nunha etapa prolífica?

Pode que se deba á decisión vital de regresar ao jazz dun xeito máis estábel despois duns anos máis implicado na composición. E tamén de ter a fortuna de contar cuns músicos como Simón García e Miguel Cabana, que fan que se traballe moi ben. Estamos mergullados na presentación de ‘Serendipia’ e ultimando o terceiro disco.

Onde situamos ‘Serendipia’? máis como unha continuidade do anterior traballo ou ben como un paso ao que tes cualificado como “estrearmos emocións”?

O de estear emocións é algo ao que me teño referido en relación ao cine e a esa capacidade, algo que tamén ten a música, claro. Espero que si, que os discos que fago sexan quen de xerar algo nas persoas que escoitan, mais iso é algo que deben dicir eles.

"Estamos mergullados na presentación de ‘Serendipia’ e xa ultimando un terceiro disco"

Está este traballo máis perto de acadar esa emoción e espíritu do directo, ao que tenta se achegar?

Desde logo, intentámolo. Non é sempre doado conseguilo porque os mundos da gravación e do directo son moi diferentes. Mais creo que cada vez estamos máis perto.

Acadou con Nani García Trío o formato adecuado para arroupar o piano, co contra-baixo e a batería?

A formación de trío a min paréceme fundamental, unha das miñas metas era acadar o punto no que creo que agora nos atopamos, esa complementariedade que temos. E, espero, ademais, que aínda teña camiño por percorrer. Para min a formación de piano e de trío é un formato clásico, que permanece ao longo do tempo. Penso que para o pianista é obrigado pasar polo trío. Recoñezo que aló polos comezos dos 80, cando comezaba, custoume un pouco entrar. Maia desde entón fomos avanzando.

O seu nome está ligado a Clunia Jazz -trabe de ouro do Jazz galego, que editou cinco discos durante a súa laureada traxectoria que abrangue, con irrupcións, desde 1981 a 2009-. Visto desde hoxe, que pegada quedou dese proxecto?

Creo que o que pode ficar como pegada é a intensidade coa que tocabamos. Brandford Marsalis definía o jazz como a intensidade musical e eu en gran parte partillo esa definición. Se algo practicaba Clunia era esa intensidade. Cando comezamos faltábanos, por dicilo así, educación musical, eramos en gran medida autodidactas. Mais tiñamos esa intensidade. Pero, vamos, se aquilo deixou pegada ou impronta é algo que ten que dicir o público.

"Falar dun jazz que soe a galego paréceme pretencioso. Fai falla tempo, maduración, esas cousas levan o seu tempo. Mais estou certo de que vai acabar habéndoo" 

Fala de que entón non había esa educación musical, que hai hoxe, mais iso tamén pode levar a que actualmente haxa maior ‘estandarización’..

Quizás a estandarización pode implicar unha certa perda de frescura, é un risco que hai en toda educación regrada, non só na musical. Mais non é algo tan directo, está en cada quen evitalo, procurando expresarse, procurar novas linguaxes, non caer no estándar...

Como ve o panorama do Jazz en Galiza?

Non pode desligarse do terríbel tratamento que está a padecer a cultura en xeral. Vén unha nova xeración, educada, cultivada, formada, que ten unha mirada crítica. E enfronte está esa xente que está a vilipendiar a cultura, que trata por todos os medios de que a cultura non estea na primeira liña. A cultura implica, conleva unha mirada crítica, e o Jazz é cultura.

En canto ao panorama do jazz en concreto, pois en vista do que acabo de dicir, non pode estar ben. É difícil sobrevivir, que non tocar. Actuar nunca se actuou tanto mais baixo mínimos, precariedade. Moita xente non sae adiante, non pode vivir coa música. É moi difícil facer rendábel isto, poder telo como un oficio, van quedando poucos festivais con tradición (o de Vigo, Lugo...)

Mais hai ‘escena’ de Jazz en Galiza, hai máis dunha...?

A escena de Jazz en Galiza está moi condicionada polo que comentei antes. Eu vivo na Coruña e podo tocar no ‘Filloa’ e en dous ou tres locais máis. Mais ir tocar a Vigo supón que o que nos van pagar vai ir en auto-estrada e en combustíbel. Pódese dicir que traballamos ‘para Repsol’ (rí). As condicións son tan precarias que desprazarte a tocar a outro lugar implica que podes perder cartos. E o voluntarismo pode estar ben durante un tempo, mais así non se resiste unha situación como a actual. E, claro, isto ten unhas consecuencias: que se van creando escenas novas e diferentes por áreas, cada un a tocar na súa. Mais estilisticamente non hai diferencias. Tamén é certo que a xente moza ten máis fogos e móvese máis embora as dificultades que antes dixen.

"Brandford Marsalis definía o jazz como a intensidade musical e eu en gran parte partillo esa definición. Se algo practicaba Clunia era esa intensidade"

Hai voces que falan dun jazz europeo, dun jazz español... Hai, logo, un jazz galego?

Hai países onde se pode dicir que o jazz ten certo estilo propio en Europa, principalmente no norte. Ou en Francia, que son moi seus. Mais é porque hai décadas que o jazz chegou alí e desde entón lévano tocando e vanse impregnando das propias vivencias e experiencias dos músicos deses países que o tocan. No que atinxe a un jazz español ou galego... bueno, hai intentos, mais dicir que hai un son propio sería pretencioso. Non se pode pretender conseguir xa o que precisa o seu tempo, a súa maduración... Un jazz que soa a galego, pois vai ser difícil, mais estou certo de que vai acabar habéndoo: co paso do tempo, co pouso dos anos, as influencias vivenciais e do que escoita a xente que fai jazz aquí ...

Tamén é un dos responsábeis de Xingra, unha discográfica para ir editando os seus traballos. Espírito do DIY (Do It Yourself - Faino Ti Propio)?

Pois si, en certa forma é esa cultura do ‘faino ti propio’ mais formalizada nun selo. Somos dous os responsábeis, Xavier Ferreiro, de Luar Na Lubre, e mais eu. Impulsámolo para sacar adiante os nosos produtos, o de xente afín, amigos... Empezamos con moitos folgos.

O seu nome tamén é unha referencia na composición de bandas sonoras, como as de ‘De Profundis’, ‘Enrrugas’ ou da multi-galardoada curtametraxe ‘O Xigante’...

Nese mundo empecei pouco a pouco, a través do teatro e da Televisión de Galicia nos 90. De aí xa pasei ao cine. É un mundo moi diferente ao do jazz. Moi distinto. Ademais, cada vez abundan máis o que eu cualifico como ‘músico de factoría’. Eu síntome máis cómodo facendo cousas de autor.

Comentarios