Contracultura

Javier Seoane: "O documental ocorréuseme como unha forma de homenaxe a Pedro Brandariz"

Javier Seoane, director e guionista, é o creador, xunto co falecido humorista Pedro Brandariz, da microserie Mataría, que foi paralizada após o pasamento do actor. Seoane explica a decisión de publicar os episodios xa gravados e un documental que recolle o proceso de creación da serie. Unha peza que tamén é un fechamento "para a figura de Pedro, para o que representou para min e para moita máis xente".
Javier Seoane, á esquerda, co finado Pedro Brandariz nunha imaxe de arquivo (Foto: cedida).
photo_camera Javier Seoane, á esquerda, co finado Pedro Brandariz nunha imaxe de arquivo (Foto: cedida).

Como xurdiu a idea de crear o documental que se publicará o 25 de decembro?

Quedaran pendentes de publicar tres capítulos de Mataría que xa foran gravados en febreiro, polo que decidimos rematar o ano subíndoos á rede. O documental ocorréuseme como unha forma de homenaxe a Pedro, falando do que significou a serie para nós, da súa figura dentro do audiovisual e en Mataría en específico. É un fechamento tanto para os seguidores como para a figura de Pedro, para o que representou para min e para moita máis xente. 

Ao mellor, a xente, agarda que o documental sexa unha peza de corenta minutos, mais vai na liña da serie: é conciso e emotivo, polo que dura só seis minutos. A idea xurdiu porque el, desde o principio, cando me liou para facer a serie, fora enviando audios de Whatsapp.

Hai que ter en conta que el enviaba audios para todo, aínda que fose para dicir ‘vale’. Así, a peza é un percorrido de todos os capítulos desde que comezamos e é el mesmo quen conta como xurdiu a serie, como a creamos e todo o demais. 
De feito, neses audios el tamén fala do que quería conseguir coa serie e a mágoa foi que el non vise completamente ao que se chegou.

Ademais, os últimos trinta segundos tamén son un percorrido, superficial evidentemente, pola traxectoria de Pedro no mundo audiovisual. Como digo, é unha peza curta, mais os episodios de Mataría duran arredor de tres ou catro minutos. Non queríamos facer un documental que fose moi extenso para as persoas que están acostumadas a ver o noso contido. Xa se proxectou en Noia e en Carballo e a xente saíu encantada, así que teño moitas ganas de publicalo na rede e ver que opina o noso público. 

Precisamente, a serie foi galardoada nos Premios Mestre Mateo e no Carballo Interplay. Esperaban esta acollida?

Para nada. Nós comezamos porque queriamos facer algo diferente. En 2016, Pedro comezara a publicar en Instagram vídeos curtos del mirando a cámara dicindo ‘mataría tal persoa’. Un día, en xaneiro de 2020, preguntoume que me parecería converter esta idea nunha webserie ou en sketches de humor e aí foi cando comezou a maquinaria de Mataría. A idea era non só dicir esa frase que utilizaba Pedro, senón transformala nunha especie de realidade. 

A morte en si parecíanos un pouco fea se fose real, mais tampouco queríamos quedar só na frase, por iso quixemos crear esta especie de ilusión do personaxe principal. Ese foi o formato desde o primeiro día e o que seguimos nos máis de cincuenta capítulos que se publicaron despois do primeiro. 

Foi tamén unha forma de experimentación no que respecta ao formato, non?

O noso contido estaba dirixido ao público das redes sociais e hoxe en día con Tiktok, Instagram e demais ou fas algo curto ou non vas recibir atención. Aínda así, tres minutos segue a ser un tempo bastante longo para o que é habitual nestas contornas, mais, como digo, queríamos contar unha historia, aínda que fose pequena. Non queríamos quedar no sketch básico ou nun gag. 

Ao final, queiras que non, cando hai máis accións á parte disto, o tempo comeza a estenderse e de feito hai algún capítulo que dura cinco minutos. Para nós tamén foi unha forma de investigar, probar unha cousa concreta nalgún capítulo para observar como funcionaba.

É unha cuestión de ensaio e erro que estaba movida pola ansia de crear e de contar as nosas propias historias, por iso tamén hai tantos capítulos que quedaron escritos ou en reserva de ideas. Esta serie estaba feita para Pedro e aínda que o formato pode volver utilizarse, porque funcionaba moi ben, a esencia de Mataría era para o seu personaxe. 

Comentarios