Javi Camino: "Non mola non ter cartos para facer as cousas, pero é moito máis creativo"

Javi Camino impartirá o obradoiro gratuito sobre webseries que terá lugar en Carballo en marzo, creando ambiente para o Carballo Interplay Festival que se desenvolverá en abril. 

Javi Camino
photo_camera Javi Camino

Se tes entre 16 e 35 anos, gustas do audiovisual e es de Carballo, ao longo do mes de marzo terás a posibilidade de participar na elaboración dunha webserie con Javi Camino, un dos novos talentos do audiovisual galego e todo un experto niso de, con moi pouco conseguir moito, como aquela longametraxe, Maldito Bastardo, que fixo durante tres anos no garaxe da casa da súa familia e que percorreu festivais de todo o mundo

No Carballo Interplay Festival, que se realizará en Carballo do 24 ao 27 de abril, presentará o terceiro capítulo da súa webserie "El viudo quiere mimos". Nesta entrevista danos as claves deste obradoiro gratuíto. O prazo de inscrición está aberto até o 3 de marzo. Podes inscribirte na páxina web do festival.

Como vas enfocar o obradoiro?

Está enfocado cara a que a xente que se apunte logre facer unha webserie de catro episodios ao longo dun mes, que saia de aí cun traballo feito, que se poida ver: en internet, no propio festival e en todas partes.

Nun mes, facer unha webserie con xente que está aprendendo, non é un reto demasiado alto? Realmente nun mes é posible facelo?

Si, home, unha webserie pequena, con poucas localizacións, de episodios pequenos, de aproximadamente tres minutos, é factible. Ademais de facela, o interesante é ver como é o proceso de facelo, as limitacións que existen (como o tempo)  e a posta en práctica do exercicio creativo de facelo, de escribir algo que se poida facer nese pouco tempo, que é unha das cousas graciosas do obradoiro.

Que lles vas ensinar nestas catro semanas?

Todo o proceso creativo dunha obra audiovisual, dende a elaboración do guión, a preprodución dese guión, a rodaxe, a posprodución, a edición, a montaxe e a difusión.

Cantos sesións terá o obradoiro?

As sesións presenciais serán catro, os sábados, pero durante a semana terán que seguir traballando pola súa conta. Por exemplo, o primeiro día abordaranse unhas nocións sobre guión, e ao longo da semana terán que escribir eses guións, que se revisarán na semana seguinte para ver se se poden producir.

O alumnado vai tamén actuar?

Se queren, si. Unha vez alí, distribuiremos o traballo. Se alguén quere ser actor, serao. Se a alguén lle interesa máis a parte de cámara, dedicarase á camara.

É unha das virtudes do traballo audiovisual, o traballo creativo.

Si, é unha das virtudes, aínda que ás veces tamén xera problemas, pero pódense resolver. É parte do proceso, e é divertido.

Impartiras nalgunha outra ocasión algún obradoiro deste tipo?

Sobre webseries, non. No LAV de Vedra, que organiza a asociación Sen un Peso, fixera un obradoiro de dirección artística low cost, sobre como lograr facer con pouco algo bonito.

Ti es un exemplo de como, con poucos recursos, se poden facer produtos de gran percorrido, como a longametraxe Maldito bastardo, que fixeches no garaxe da casa da túa familia ao longo de tres anos e circulou por festivais de medio mundo.

Si, como eu nunca tiven un peso, non me quedou outra que traballar con orzamentos moi pequenos, e algo vas aprendendo. Por unha parte, non mola non ter cartos para facer as cousas, pero por outra, tamén é un exercicio divertido porque é moito máis creativo. Tes que buscar a maneira de facelo co que tes. É coma un xogo.

A falta de recursos agudiza o enxeño…

Totalmente (risos). E despois, cando ves que sae ben, é un orgullo, máis que se tiveras moitos recursos para facelo, porque o reto é maior.

Cal é o segredo de facer algo con calidade pero con recursos limitados? Ti como o fas?

O segredo é ter ganas de facelo, que che guste, ter un poco de gusto e creatividade, e querer facelo ben, querer sacalo adiante sexa como sexa.

Se o número de persoas inscritas supera o de prazas, haberá unha selección. Que vas ter en conta para facer esa selección?

A idea é coller á xente que amose un maior interese, e tamén certo gusto polo audiovisual. Mais eu creo que se poderá coller a todo o mundo.

Magnetova, a túa produtora, tamén vai presentar a súa webserie, "El viudo quiere mimos" no Festival de Carballo?

Si, tamén se presentará. Ademais, imos sacar agora o noso terceiro capítulo, e está ben que se vexa no festival

Como creador dunha webserie, cal cres que pode ser o papel que pode xogar un festival deste tipo?

Creo que é interesante sobre todo para obter unha panorámica xeral de todo o que se está a facer en España, e tamén como punto de encontro, para coñecernos uns a outros, e tamén para coñecer a persoas que se queren introducir no mundo das webseries, como aquelas que se apunten ao obradoiro, e que elas poidan coñecer a xente que xa as está facendo…

A webserie que se fará no obradoiro será sobre Carballo. Se che din, como creador, que tes que facer unha webserie sobre Carballo, que se che ocorrería?

Non sei. Iso terano que decidir os alumnos. Creo que Carballo ten moitas posibilidades para facer calquera tipo de historia. É unha vila ou cidade que se presta para todo, tanto para unha historia rural como urbana, e mesmo para un compoñente máis turístico, ao redor dalgunha lenda  ou monumento relacionado con Carballo. 

Pero a ti que che inspiraría como creador?

A min hai algo que me chama moito a atención de Carballo, a cultura moinante. Iso podería dar xogo con outras cousas.

O obradoiro vai ser fundamentalmente práctico, nonsi?

Si, si. Vai ser algo totalmente práctico. Só haberá algo de teoría nas primeiras sesións, para poñer en contexto á xente sobre que tipo de webseries hai, nocións de guións para poder facer algo viable en pouco tempo. Mais despois será todo absolutamente práctico.

Que camiños abren, para aquelas persoas que queiran traballar no audiovisual, as webseries?

Para min resultan moi interesantes, porque unha webserie é currículo. Eu teño unha produtora pequena, Magnetova, e moitas veces chéganme currículos. O que che di máis dunha persoa non é cantos títulos ten, senón o que fixo, e ter unha webserie feita é toda unha proba.

As webseries tamén se caracterizan pola liberdade creativa. O feito de que non haxa unha televisión por atrás que a difunda e a apoie, como acontece coas series televisiva, tamén ten esoutra vantaxe: a liberdade creativa…

A liberdade é absoluta porque non hai ningún intermedio e, polo tanto, non hai que pasar ese filtro.

Comentarios