Contracultura

Ivonete da Silva: "A Canción do Cambio transmite que se algo non o aprendimos na infancia, agora podemos facelo"

Ivonete da Silva Isidoro foi a encargada, xunto con Fe González, de traducir 'A canción do cambio' (Hércules Edicións), un libro ilustrado escrito orixinalmente pola poeta e activista estadounidense Amanda Gorman.
Ivonete da Silva é profesora de portugués ademais de tradutora. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ivonete da Silva é profesora de portugués ademais de tradutora. (Foto: Nós Diario)

—Como é a experiencia de traducir a catro mans?
Eu levo traballando na educación desde hai máis de 15 anos, primeiro na Escola Oficial de Idiomas e agora, xa que este ano aprobei as oposicións para secundaria para portugués, estou nun instituto. Entre os cursos que oferta a Xunta hai algúns roteiros literarios e nun deles coñecín Fe González. Foi en Mondoñedo e ela xa estaba traducindo para Hércules. Cando xurdiu este tema lembrouse de min e a min pareceume un proxecto moi bonito, polo que aceptei de inmediato. Eu teño moita experiencia traducindo documentación do meu eido, material relacionado coa didáctica e o ensino de linguas, porque estiven traballando no centro Ramón Piñeiro no proxecto de Aprendizaxe e avaliación da lingua galega, cando se creou o actual exame de certificación (Celga).

Fixen tamén traducións de documentación, mais de literatura non fixera nada. Gústame, mais eu son docente e o meu labor como tradutora é algo secundario, non me dá para vivir. Por este motivo, eu encargueime de facer o que sería o esqueleto da tradución, porque ademais a poesía é moi complicada de traducir e de conseguir as rimas. Fe é unha autora que está moi ao tanto da actualidade, que é unha experta en tradución desde a lingua inglesa e en literatura, polo que a min me serviu moito para estar segura. Ademais, é unha persoa moi xenerosa, porque sendo unha persoa nativa e con experiencia era súper paciente comigo cando había algunha palabra que non me convencía e buscabamos outra forma de rimar. Eu sentíame máis cómoda tendo alguén con quen dialogar e estou moi contenta co resultado.

—Un dos temas principais é o poder de transformar o contexto. Cre que se pode trasladar facilmente desde o contexto estadounidense ao galego?
Diría que si, aínda que é certo que na realidade galega non se ven tanto estas cuestións. Para min o que escribe Amanda é moi transparente porque son cousas que tamén vexo no Brasil. En varios países de América podes ver que hai moitísimas máis diferenzas, máis contrastes a nivel social, educativo, económico... Aquí creo que a mensaxe a transmitir é que non ten sentido separarnos se queremos mudar as cousas. Aínda que haxa menos cousas que precisan eses cambios urxentes se comparamos coa sociedade onde medrou esa nena ou mesmo de onde son eu, sempre hai algo que mellorar e é posíbel facelo.

Cando falo de pobreza, falo dunha noción totalmente distinta, de crianzas que viven na rúa ou que rouban porque se chegan coas mans baleiras os seus pais lles pegan. Agora hai iniciativas educativas para sacalas de aí e levalas ás escolas. Aquí o que vexo en cambio é unha preocupación moi grande polos trastornos da aprendizaxe.

Teño a sorte de estar nunha zona na que hai moita presenza de poboación migrante, tanto de América Latina como de África, e a cuestión racial e a atención que se lles presta ás crianzas que veñen de contextos difíciles sorprendéronme para ben. O outro día uns nenos dicíame que un deles era moi pesado, até que falamos dos contextos bélicos e da perda de contacto con familiares. Aí viron que non podemos esixir o mesmo a todo o mundo, preocuparnos e ter un interese xenuíno pola persoa que está ao noso lado tamén é inclusión.

—Outro dos aspectos interesantes da obra é o intento por escapar do adultocentrismo.
Claro, porque as persoas adultas tendemos a ignorar as crianzas. Xa temos o noso punto de vista e o noso proxecto, sabendo o que queremos que fagan ou que coman, e intentamos encaixalos nisto. Poucas crianzas conseguen desviarse. No fondo, non é un libro só para crianzas, senón que o que intenta transmitir é que se hai algo que non aprendemos na nosa infancia, agora podemos facelo a través das súas accións. É unha forma de chamar as crianzas para que as súas nais e pais vaian detrás, porque de forma xeral ocorre ao revés.

Comentarios