O Colectivo das Pedras Galladas está a atopar unha boa acollida

Iván Pardo: "Estes proxectos de base teñen unha grande importancia á hora de dinamizar a nosa cultura"

Iván Pardo, presidente do Colectivo das Pedras Galladas, no concello de Culleredo, fala da creación do proxecto e dos seus obxectivos. A asociación vén de presentarse nas redes sociais, despois dun par de meses de traballo, e a súa principal finalidade é a dinamización cultural do concello. Pardo expón que se precisa dunha maior oferta cultural e tamén opina sobre a pouca axuda que a cultura recibe por parte das institucións.
Iván Pardo, presidente do Colectivo das Pedras Galladas, en Culleredo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Iván Pardo, presidente do Colectivo das Pedras Galladas, en Culleredo. (Foto: Nós Diario)

Avante Pouca

Acaban de crear o colectivo Pedras Galladas, por que agora?
Creámolo agora porque coincidiu. En setembro estabamos levando a cabo unha limpeza na zona deportiva do concello de Culleredo xusto os que agora somos a xunta directiva da asociación, e comezamos a falar da necesidade de pór en valor a cultura da zona. O obxectivo do colectivo é dinamizar culturalmente o concello e apostar por unha maior oferta cultural. Entre algunhas das actividades que queremos realizar están a creación dun coro, presentacións de libros, proxeccións de filmes, clubs de lectura, roteiros interdisciplinares que axuden a educar sobre o noso patrimonio etc. Buscamos ademais relacionar a posta en valor da cultura coa ecoloxía. Trátase de que exista unha oferta cultural variada.
Aínda acaba de nacer o colectivo; temos a primeira actividade este mes, mais o comezo está a ser moi positivo. Atopamos unha grande acollida e moita difusión por redes sociais, mesmo contactaron connosco algunhas asociacións para asinar un convenio de participación no futuro.

Avante Media 

Como ven o futuro do proxecto? Funcionará a longo prazo?
Eu penso que si. Aínda sen realizar o primeiro acto, xa nos contactaron bastantes persoas para se uniren. Ademais, na miña opinión, estes proxectos teñen unha gran importancia á hora de dinamizar a nosa cultura. Penso que se non nos movemos nós, a cultura esmorece, pois as institucións non están polo labor de promovela. Desde o concello non contamos con moito apoio, mais si atopamos bastante axuda por parte do BNG, que nos cedeu a asociación previa a este colectivo para aforrar tempo e cartos. Estámoslles moi agradecidos.
Penso que na Galiza contamos con artistas realmente bos, tanto no ámbito do cine, como no da música, no artístico etc; pero adoitan ter que marchar fóra do país porque aquí non atopan oportunidades. Ante esta situación, dá especial rabia ver como a Xunta decide promover eventos como o Xacobeo en vez de axudar a reivindicar a nosa cultura artística. Así como no Estado español se está a vivir unha “fuga de cerebros”, na Galiza vivimos a maiores unha “fuga de talentos”. Esta situación, ademais dunha vergonza, é unha enorme pena.

Como cren que vai mellorar o concello grazas a este proxecto?
Contamos con que aumente o interese polos diferentes ámbitos nos que traballemos. Por exemplo, se nun futuro creamos un grupo de debuxo, quizais as persoas que participen se animen a levar a cabo algunha exposición coas súas obras. O mesmo pasaría cos coros: se conseguimos crear un que soe ben, poderiamos participar en actos ou en festas do concello.

Avante Toda

Cales son os plans de futuro para o colectivo? 
Agora mesmo a idea é movernos polo concello de Culleredo, mais non descartamos realizar actividades en conxunto con outros lugares. Hai uns días contactáronnos desde unha asociación de Burela e sería moi interesante ampliar o proxecto. Con todo, por agora, dada a situación de pandemia, preferimos levar a cabo as actividades de forma telemática, o que tamén supón unha vantaxe pois calquera pode participar, sexa de Culleredo ou non, xa que os actos se retransmitirán por Youtube. Neste aspecto, de non ser pola pandemia, non creo que puidésemos chegar tan lonxe, pois internet permítenos realizar eventos a nivel estatal sen a necesidade de que, as persoas que queiran participar, se teñan que desprazar até o noso concello. Quizais, cando a situación sexa máis favorábel e estean permitidas as actividades presenciais, sigamos retransmitindo os eventos en liña para que os poida ver máis xente.

Comentarios