O IV Encontro Tradición en Feminino chega á Casa de Rosalía

A asociación de Gaiteiras Galegas leva o seu IV Encontro de Tradición en Feminino até Padrón. A xornada rematará cun concerto de Begoña Riobó.
A violinista Begoña Riobó (Foto: AGG).
photo_camera A violinista Begoña Riobó (Foto: AGG).

A asociación de  Gaiteiras Galegas (AGG) organiza o vindeiro domingo 20 de novembro, en colaboración coa área de Cultura da Deputación da Coruña, a cuarta edición do Encontro Tradición en Feminino na Casa de Rosalía, en Padrón, con relatorios e debates nos que se visibilizará o papel da muller no eido da música tradicional. 

A xornada comezará co relatorio “Fomos beber á fonte, bebemos da auga morada... Estereotipos de xénero e arquivos de baile tradicional” (11 horas) a cargo de Chus Caramés e Carme Campo, de "Andar cos Tempos", un proxecto impulsado no 2015 destas dúas bailadoras, educadoras e mestras de baile, a través do cal convidan a revisar a tradición con perspectiva de xénero.

Ao longo destes anos foron diversas as accións desenvolvidas para identificar, analizar e rachar cos estereotipos de xénero que se dan na música e  no baile tradicional. 

Ao remate presentarase a próxima publicación da AGG a cargo de Carme López e Marina F. Vigo, e tamén haberá unha mesa de debate (12.30 horas) co lema “Sempre se fixo así: a erradicación de estereotipos sexistas na música e no baile tradicionais” na que participarán Begoña Riobó, Chus Caramés, Carme Campo, Carme López e Marina F. Vigo. 

Sesión de tarde

Pola tarde, a partir das 17 horas, terá lugar un Obradoiro-concerto co título “Obradoiro de mulleres que cantan: Subimos á escena ou mellor baixamos dela?” a cargo do Proxecto Consoante no que participan Branca Villares, un proxecto colectivo de revisión do cancioneiro popular galego  desde unha perspectiva de xénero, e alumnas da Tradescola. 

Rematará esta xornada ás 18 horas co relatorio-concerto que levará o nome de “Begoña Riobó: Retrato de Violinista” a cargo da propia violinista galega Begoña Riobó.

Comentarios