O concurso combina coa campaña promocional de dominio .gal

O IV Certame de Microrrelatos da RAG e PuntoGal chega á rede no mes febreiro

A Academia Galega e a Asociación PuntoGal convocan a IV edición do seu certame de microrrelatos, na que se poderá participar a través de www.relatos.gal
A-segunda-edición-do-concurso-de-microrrelatos-consolida-a-cita-anual_
photo_camera Imaxe da edición de 2019 do concurso de RAG e PuntoGal. (Foto: RAG)

Un ano máis, a Real Academia Galega (RAG) e a Asociación PuntoGal veñen de convocar a o seu certame de microrrelatos, que xa vai pola cuarta edición e mantén o obxectivo de reforzar a presenza da lingua e da identidade no mundo dixital. 

A novidade deste 2021 é que a participación se vai canalizar a través dun novo sitio web, www.relatos.gal, co que, explica o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, "facilitamos o acceso aos usuarios tanto na inscrición dos relatos como na súa posterior difusión”.

Desde o 1 até o 28 de febreiro vai estar aberto o prazo de participación no IV Certame de Microrrelatos, para textos cunha extensión máxima de 200 palabras e que, coa campaña de promoción PuntoGal, vai permitir rexistrar un dominio .gal durante dous anos por 15 euros mais IVE (Imposto sobro o Valor Engadido). 

Nestes catro anos de concurso, presentáronse en total máis de 1.600 historias, con autoras e autoras de todas as idades. “A aceptación do noso certame é unha mostra da vitalidade da lingua nas novas xeracións", comentaba ao respecto da participación o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes.

Unha vez máis, serán nove os premios que se entreguen, tres en cada unha das categorías distribuídas por idades: na infantil poderán concursar rapazas e rapaces de até 11 anos; na xuvenil, a mocidade de 12 a 17 anos; e na categoría adulta, calquera persoa maior de idade.

As persoas gañadoras recibirán premios tecnolóxicos como ordenadores, consolas ou lectores electrónicos de libros, e tamén relacionados coa lectura. Ademais, as historias premiadas publicaranse nas páxinas das dúas entidades organizadoras e na revista Luzes.

A Asociación PuntoGal explica que o número de dominios .gal segue a medrar e “suma xa máis de 5.700 rexistros”. PuntoGal destaca tamén que é unha entidade sen ánimo de lucro, que “reinviste os beneficios que obtén da súa xestión en actividades de fomento da cultura, a lingua e a tecnoloxía na Galiza e en galego”.

Dominios a 13 euros para as subscritoras de 'Nós Diario'

Sermos Galiza S.A. e Punto Gal asinaron un acordo neste mes de xaneiro para que as persoas subscritoras poidan obter un dominio .gal a un prezo de 13 euros máis IVE. Para facer efectiva a oferta, terán que utilizar códigos promocionais a través dos rexistradores que colaboran na promoción, Dinahosting e Entorno Digital.

Comentarios