Ith presenta novo disco: 'Frear o momento'

Oito temas rockeiros fan un álbum que sairá á venda o 15 de decembro e estará en plataformas dixitais a partir do día 18.
Ith. (Foto: Cedida)
photo_camera Ith. (Foto: Cedida)

Ith, nome dun príncipe celta fillo de Breogán,  dá nome ao grupo de Xanceda (Mesía) que forman Lucía da Fonte (voz), Miguel Iglesias (guitarra e coros), Toxo (guitarra), Gonzalo Suárez (baixo e coros) e Alberto Vilas (batería).

Trátase dun conxunto que desde os seus inicios aposta no rock galego e en galego. Nos máis de 15 anos de traxectoria partillaron palco ao longo da xeografía galega con grandes bandas do panorama musical.

A música de Ith guíase polas influencias de diversos grupos do rock, do heavy ou do pop, que achegan cada unha das súas integrantes. Frear o momento, quinto traballo discográfico da banda -logo de Forte (2015) e O mínimo que o contén todo (2018)- está formado por oito temas que beben da creatividade dos últimos dous anos.

Estará dispoñíbel en formato físico a partir do 15 de decembro, así como en todas as plataformas dixitais desde o día 18.

Oito temas a ritmo de rock

Fieis ao seu estilo, os temas tratan temas diversos, co punto en común da "reflexión", segundo eles mesmos explican. O disco abre con "Aloumiños que festexan", unha peza inspirada na enerxía que quitan ou achegan  "as crianzas á vida das persoas adultas". A esta introdución no universo de Ith séguelle "O indefendible", un canto ao "terra, trágame".

A terceira faixa, "Fasquía de cristal", é un medio tempo pesimista que "filosofa sobre a enfermidade e sobre a lóxica desta vida". Con "Sen mirar atrás", o grupo muda de discurso cara ao optimismo esperanzado: "a vida só é unha, polo que cómpre aproveitala e amar a quen se ama, sen prexuízos nin estereotipos".

"Máis aló" cántalle, pola súa banda, ao activismo e á necesidade de "crear piña" para mellorar as condicións dos colectivos, un berro de rexeitamento ao egoísmo.

A sexta peza, "(Des)estimativa", toma forma a "crítica á sociedade estamental (que non clasista) na que algunhas persoas cren vivir". Esta vai seguida por "Frear o momento", que dá nome ao disco, unha composición convertida nunha lección de vida que deixa claro que os sentimentos non se escollen.

"O destino" fecha un álbum gravado en Abrigueiro Estudios (Friol), teimando en que o futuro non está escrito, polo que cómpre avanzar e abrir moitos camiños para atopar nalgún "o noso sitio".

Comentarios