Cultura

Desde Italia con humor: chega o Salón do Libro Infantil e Xuvenil a Pontevedra

O Pazo da Cultura acolle actividades do máis diverso até 27 de marzo
Crianzas durante as actividades do Salón do Libro do ano 2019.
photo_camera Crianzas durante as actividades do Salón do Libro do ano 2019.

A Literatura Infantil e Xuvenil non é só cousa de crianzas ben podería ser o lema que cada ano convoca o Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, unha cita que na súa vixésimo primeira edición se consolida como imprescindíbel para a literatura galega. Após arrincar onte, sucederanse até o sábado 27 de marzo no Pazo da Cultura eventos para todos os públicos: obradoiros, teatro, contacontos, charlas-coloquio, actuacións musicais...

Procurar o humor

O tema que caracteriza esta edición é "O Humor", xa sexa  sutil, enxeñoso, macabro, inocente, retranqueiro ou atrevido. Pilar Sampedro explica no texto inaugural que "nunca foi a nosa literatura moi dada ao humor, nin sequera a dirixida á infancia e mocidade". De facto, "canto máis atrás menos humor atopamos". Instaurado no cotián, engarzado no delirante, a través da burla, a parodia ou a ironía. As opcións son múltiples e, unha vez centrado o suxeito, os exemplos van aparecendo. 

Pilar Sampedro explica no texto inaugural que "nunca foi a nosa literatura moi dada ao humor, nin sequera a dirixida á infancia e mocidade"

O humor e a retranca non son alleos á obra de Castelao. Con esta premisa, partindo do álbum Cousas de Nenos, Taller Aberto propón o día 8 un obradoiro creativo onde toda a familia está convidada a transformar as palabras en imaxes, cunha vontade cómica sempre sobrevoando. Así mesmo, están axendadas varias visitas guiadas nas que as monitoras e monitores do salón  guiarán as asistentes polo espazo Con humor, moito mellor

Homenaxe a Italia

O lema cabeceira desta edición non só partilla espazo co país convidado (Italia nesta ocasión), senón que se atopan nalgunhas das actividades. O conto Pinoquio de Carlo Collodi é a escusa de Reviravolta para convocar a cativada a un obradoiro artístico  para fabricar un monicreque de papel e madeira, no que o humor promete estar moi presente.

Dentro das actividades protagonizadas por Italia, Mater Lingua ofrece varias alternativas, entre as que pode destacar o obradoiro "Sapori di Italia",  hoxe no Espazo Gastroliterario, no que achegarán a cociña italiana dunha forma divertida e con gran presenza de verdura. Tanto este mesmo día como na semana seguinte, as visitantes poderán gozar do contacontos Simone Negrin, italiano de berce e galego de corazón que conxuga o humor do sur do seu país e a retranca da Galiza.

Ademais, o 8 de marzo haberá unha homenaxe a Italo Calvino de Enrique Mauricio e Carlos Taboada. O esquío rampante é un conto que relata as aventuras que lle suceden a Cósimo na procura dun remedio para tratar unha doenza do carballo centenario onde reside.

Do profesional ao amador

A música acada tamén abondo peso na programación. O Salón verá mañá a estrea de Ris Ras, un espectáculo escénico da consolidada Baobab Teatro, onde a palabra e as brincadeiras reivindican a tradición oral galega.

Porén, unha das propostas máis curiosas é o musical Miserábeis, levado a escena polo profesorado e alumnado do IES Illa de Ons de Bueu, que tomará o Teatro Principal de Pontevedra o 13 de marzo. Este proxecto interdisciplinar, no que participan estudantes de 12 a 16 anos, fai unha revisión contemporánea e feminista, integramente en lingua galega, da novela do escritor francés Victor Hugo. Desde estas chaves, mantén cuestións centrais da obra que aínda seguen vixentes na nosa sociedade, como a loita pola liberdade, a coraxe ou a revolución do pobo.

De poesía a videoxogos

De estreas de banda deseñada a obradoiros para reciclar historias, as actividades sobresaen pola variedade. A poesía farase oco na autora homenaxeada nesta edición, Helena Janeiro, que compartirá co poeta Xesús Rábade Paredes Teñamos a poesía en Paz, nun diálogo non exento de comicidade. Por outra banda, no Recanto tecnolóxico terá lugar A incríbel historia dos videoxogos, unha instalación interactiva que permite viaxar polos eventos máis relevantes da historia dos videoxogos.

Comentarios