CRÍTICA DE ARTE

Isto non é unha crítica da Esmorga

A crítica de arte Elena Pérez-Ardá achéganos ao filme Costa da Morte de Lois Patiño do punto de vista da imaxe audiovisual. 

Lois Patiño
photo_camera Lois Patiño

"Costa da Morte" de Lois Patiño
Audiovisual.
Longametraxe documental experimental
HD / 16:9 / color / 83´ / 2013
PREMIO: Mellor Director "Cineastas do presente" Festival de Locarno, Suíza.
Mestre Mateo: Premio mellor documental. 2014

Mais pareceume axeitado falar doutra produción audiovisual, xa que houbo moita festa  estes días (e con razón) debido ao filme estreado.  Bon, non é a miña materia o cinema, máis si a imaxe audiovisual. E dende as novas vangardas, o vídeo foi usado como ruptura coa arte tradicional, así hoxe atopamos  moitísimas gravacións nos museos que están a cabalo entre un filme e a “relativamente” nova  videocreación.  

Un dos nosos máximos  expoñentes deste xénero  é o vigués Lois Patiño. Este rapaz basea case toda a súa obra nestas pezas que a maoría da xente dubida en categorizar. Estes vídeos propios do museo teñen unha duración non moi longa, non moi curta e quedan aí, normalmente en loop, así  como queda a nosa mente ás veces… entendín algo?                        

Hai  xa tempo que Lois Patiño presentou nas salas galegas a súa “Costa da Morte”, vídeo que quero comentar hoxe.  Unha longametraxe que foi recoñecida en numerosos festivais prestixiosos internacionais. Estreouse en catro cines aquí en Setembro 2014 : Vigo, A Coruña, Ferrol e Cee. Incríbel, mais verídico. 

Dun punto técnico, a estética deste vídeo vai máis alá de mastigar a historia. De a entender. A beleza que contén a paisaxe autóctona compono todo.  Semella que os seres humanos estivemos destinados á contemplación do sublime dende antes dos Románticos (Lois sabíao) e utilizouno de maneira perfecta. Ollar o inabarcábel ante nós remove a conciencia das preguntas máis filosóficas e fainos sentir insignificantes ante o mundo natural. 

Así a grandiosidade do medio, a paisaxe como maior protagonista fai que Costa da Morte sexa un momento de contemplación estética máximo. 

O recurso máis utilizado na videocreación de Patiño é o da cámara inmóbil, deixando falar a paisaxe. Semella que non acontece nada nalgunha escena, din algúns, pero temos que esperar (cousa que non estamos acostumados a facer, en xeral, e menos ante unha pantalla) e desfrutar de ver as cores cambiar e os tempos desfacerse.   

Lois resume nunha liña: "Nun entrar do home na paisaxe e da paisaxe no home creouse a vida eterna de Galiza". (Castelao)

Convídanos a entrar na historia, escoitando o relato oral, experimentando como se fósemos novos outra vez, a onda que bate forte na rocha, a néboa, e a lenda dun lugar único e máxico, que temos ao carón. Mesmo o produtor, recomenda o filme, non polo argumento ou cantidade de premios que acadou, se non polo ollar renovado de Lois e o marabilloso exercicio artístico que é.  Agora, buscar onde velo é por conta propia…

Comentarios